COMEZAMOS A NOVA TEMPADA CON GANAS DE SUAR E GOZAR!

30/08/2023

Arrinca a nova tempada e chegamos con forzas renovadas tralo verán, con ganas de seguir coidando da familia Máis que Auga! E sabemos que ti tamén estás a desexar sacar o mellor de ti. Así que, consulta a programación dos nosos centros, busca as túas clases e técnicos/as favoritos e viste as túas mallas, camiseta de deporte e zapatillas, porque… Comezamos! Ademais, estamos seguros de que sexa cal sexa o teu perfil, en Máis que Auga vas atopar o teu lugar, porque temos actividades para todas as idades e gustos. En total son máis de 1.200 clases (piscina, sala e pádel) á semana e a pregunta é… Cal é a túa favorita?

 

E antes de falar da programación dos nosos centros, lembrarvos que a partir do 1 de setembro o spa aumenta o seu horario e podemos ir cumprindo co compromiso de ir recuperando os horarios iniciais a medida que fose posible, tras a gran crise enerxética.E  temos máis noticias que contarvos. Para a tempada 24/24 amplíase o rango de idade para os menores na cota familiar (que pasa de 14 a 17 anos), de forma que poderedes aproveitar máis e mellor esta tarifa, que vos permite acudir ao ximnasio en familia e a un prezo máis alcanzable.  Por último, destacar que a Cota Plus tamén incrementou as súas vantaxes, contando con 4 clases de Crossfit ao mes gratis nos box de Barreiro ou Navia, acceso ás tres instalacións e ás actividades de libre acceso, coa posibilidade de reservar as clases con catro días de antelación (24 horas máis, desde o 1 de setembro).

 

Agora si, chegou o momento de repasar a programación dos nosos centros, coas ligazóns correspondentes para que poidades acceder con facilidade.

 

Barreiro

Como vos diciamos antes, o mellor é a enorme variedade de actividades que poñemos á vosa disposición, de forma que sexan cales sexan as túas preferencias seguro que atopas o teu sitio. En Barreiro, ademais de sala e piscina (co seu spa, por suposto) contamos co box (moi pronto vos contaremos as novidades que arrincarán en outubro) e as nosas pistas de pádel. Esta tempada tentamos aumentar clases aí onde nolas fostes reclamando durante os meses precedentes. Así que incorporamos unha clase de ballet kids (por petición popular), e haberá máis horarios de pilates, funcional en piscina, power á primeira hora e algunha sesión extra en venres.

 

Por suposto, as actividades para nenos/as (coa xogoteca incluída) é unha das nosas propostas, para que as familias poidan ir ao completo ao ximnasio. Así, mentres os peques están na xogoteca ou nalgunha das clases de sala (zumba, woodfit ou invicto), os proxenitores poden acudir á piscina, sala ou mesmo disputar un partido de padel. Actividades para todos e todas!

Coia

Como sucedeu en Barreiro, en Coia tamén tiñamos peticións dos nosos socios/as. Así que, espremémosnos a cabeza para tentar meter máis clases de zenyo, xa que foi unha das vosas reclamacións durante a pasada tempada. Así, teredes ata cinco clases de zenyo á semana. Ademais, non nos esquecemos dos pequenos/as, que terán varias actividades incluídas en abono como actívate ou invicto kids/junior, ademais de, por suposto, todas as clases de natación onde os nosos peixiños gozan ao máximo.

 

En Coia, durante o verán realizáronse algunhas obras e renovouse material, sobre todo na zona de peso libre. Pero a principal novidade é Hammer Strength Glutte Drive, unha máquina cuxa función principal é traballar os glúteos e que ata o de agora non tiñamos na nosa instalación.

 

E claro, non podemos esquecernos desas clases nas que saímos da instalación, como marcha nórdica e running, que nos permiten facer deporte ao aire libre, facer grupo, coñecer sitios diferentes…

Navia

 

En Navia a principal novidade é a creación dunha nova sala, a aula 4, que se  dedicará ás actividades de baixo impacto, o que nos permitirá ampliar a programación e dar máis opcións aos nosos abonados/as. As obras de adaptación do espazo, onde antes estaba a ludoteca, están a realizarse aínda, polo que teremos que esperar ata o mes de outubro para apreciar o cambio. O máis importante é que nos permitirá ofrecervos, en certos horarios, a opción de clases de máis impacto e de menos, para que poidades compaxinalo.

 

Ademais, como seguro que xa estades a ver, instalouse chan novo na sala fitness e nos próximos días chegará material a estrear.

 

Como sempre, non nos esquecemos de nosos peques (bike júnior, actívate kids, urban dance junior ou crosstraining kids…) e tampouco dos amantes do pádel, que poderán acudir ás diferentes clases ou ben reservar pista para xogar de forma libre.