REGRESA Á PISCINA DE MÁIS QUE AUGA A NOSA COMPETICIÓN 100X100 SUBSTITUCIÓNS POR EQUIPOS

06/02/2023

O sábado 25 de febreiro  (16:30 horas) celebramos en Máis que Auga Barreiro a competición de natación 100×100 substitucións por equipos, unha proba na que sempre saltan chispas en busca do triunfo, aínda que nós quedámonos cos grandes momentos, o bo humor e a convivencia entre todas e todos os participantes.

 

E é que esta competición regresa despois de dous anos de ausencia. A quinta edición celebrouse o día 1 de febreiro de 2020 e agora, dous anos despois, volvemos retarvos para ver quen será o máis rápido nas augas da piscina de MQA Barreiro.

 

En que consiste a competición? É unha proba por equipos (de 8 a 10 integrantes, dos cales polo menos dous deberán ser mulleres) e cada un dos membros do equipo debe realizar cen metros e dar a substitución ao seguinte competidor. Así ata cumprir cen quendas de cen metros. O único requisito que se establece para poder inscribirse na proba é que polo menos un dos integrantes do equipo sexa socio de Máis que Auga (actuará como capitán). Poden participar neste campionato un máximo de 11 equipos.

 

Premios. E se necesitades máis alicientes que saber quen será o máis rápido, tamén os temos! O primeiro clasificado recibirá un trofeo e unha mensualidade gratis no abono MQA para os integrantes do equipo que sexan socios, mentres que os non abonados terán a posibilidade de facerse socios con matrícula gratis. O equipo que logre a segunda posición tamén terá o seu trofeo correspondente, así como, durante un mes, un curso de natación gratis de dous días á semana (tanto para socios como non socios), mentres que os terceiros terán o seu trofeo e un curso de natación gratis durante un mes dun día á semana.

 

Así que, se queredes apuntarvos a un novo reto MQA, xa sabedes! Debedes inscribirvos na recepción de calquera dos nosos centros do 13 ao 23 de febreiro. Lembrade, que será por orde de inscrición e ata completar aforo… E sempre se enche!

 

A continuación, tedes o regulamento do 100×100.