O GRUPO TRAVESÍAS REGRESA Á PRAIA DO VAO

02/05/2024

Maio é un mes fetiche para os e as integrantes do noso grupo Travesías, porque saben que volverán encontrarse co mar. Como todos os anos, senón xorde ningún inconveniente, o primeiro sábado de maio prodúcese o reencontro coa praia do Vao, onde a sensación de nadar en augas abertas, o ambiente que se crea cos compañeiros/as ao poder nadar ao aire libre, gozar da natureza… É algo incomparable!

 

E así, este sábado 4 de maio teremos a primeira convocatoria do ano 2024 para os nosos “peixes” en O Vao. Madrugaremos un pouquiño, para estar ás 9:30 xa na auga. Este ano temos unha importante novidade, xa que contaremos co acompañamento de Ana Pérez García-Picher, monitora de natación de Máis que Auga Coia, unha nadadora experta en augas abertas e proba diso é que en 2023 proclamouse vencedora da Travesía a nado da Ría de Vigo. Quen mellor que ela para contarnos os segredos de nadar en augas abertas e darnos as claves para afrontar os problemas que poidan xurdir.

 

A continuación, deixámosvos a ligazón coa entrevista que lle fixemos a Ana, despois desta vitoria para que a coñezades un pouquiño mellor.

Lembra que para participar neste grupo só tes que estar rexistrado nalgún curso de natación de Máis que Auga de calquera dos nosos centros e abonar o seguro obrigatorio (11 euros) para actividades externas (cobre todo o ano). No caso de que non sexas abonado de MQA, poderías sumarte, contratando a actividade Travesías.

 

Se algún usuario/a ten dúbidas sobre o seu nivel, de se está capacitado para participar no grupo, que o comunique no momento no que faga a súa inscrición. De recepción pasaranse os seus datos aos responsables de piscina para que se lle realice unha proba de nivel.

 

O grupo Travesías xurdiu no ano 2014 co obxectivo de reforzar o traballo que durante o ano se fai nos cursos de perfeccionamento e máster e ano a ano foi crecendo.  De outubro a abril trabállase nos centros (cada semana nun de forma alterna) e durante o verán, cambiamos as piscinas polas praias. Así que, se queres ser un peixe máis, pregunta na recepción de calquera dos nosos centros polo grupo Travesías. Esperámosvos o sábado ás 09:30 horas na praia do Vao!