A NOSA MONITORA ANA PÉREZ, VENCEDORA DA TRAVESÍA A NADO DA RÍA DE VIGO

12/08/2023

Hai uns días, espertámonos lendo na prensa que Ana Pérez García-Picher, monitora de natación de Máis que Auga Coia, proclamouse vencedora da Travesía a nado da Ría de Vigo, a proba máis antiga de Galicia. Así que pensamos que era a escusa perfecta para presentarvos a Ana, coñecela un pouco mellor e saber que sente ao competir neste tipo de travesías a mar aberto.

 

Ana Pérez, graduada en Educación Infantil con especialidade en Educación Física, ten 25 anos de idade e é monitora de natación en Máis que Auga Coia desde hai uns meses. A pesar da súa curta idade, xa é unha habitual nas travesías a nado que se celebran por Galicia e recoñece que “este tipo de probas gústanme, tanto nadalas como o ambiente que se respira nelas, diferente ao que se ve en competicións de piscina, xa que hai variedade de idades e niveis e cada proba é diferente á anterior”.

 

A nosa compañeira fala con paixón de nadar en augas abertas. “É unha disciplina totalmente distinta á de nadar na piscina. Hai moitos factores externos cos que tes que contar:  o feito de estar no mar, nun río ou nun encoro; a temperatura da auga; o ter que cambiar a forma de nadar pola ondada que haxa… É unha sensación que non sabería describir con palabras, hai que vivila e sentila para poder saber o que é, e animo á xente a que o faga! Actualmente non concibo un verán sen nadar en augas abertas”.

 

A Travesía a nado da Ría de Vigo une Moaña con Vigo e son 3.700 metros de percorrido en augas da ría. Ana xa participara con anterioridade e esa experiencia é importante, “porque a orientación é clave neste tipo de probas e a visibilidade das boias era pouca, polo que tiñas que optar por referencias terrestres”.

 

O sábado a principal dificultade estivo nas ondas. “Viñan de costado e eran algo incómodas, aínda que este tipo de aspectos sempre fan que as augas abertas sexan máis divertidas cada vez que te tiras a nadar”, afirmou Ana.

 

A proba foi dominada pola nosa monitora desde o inicio, pero nos últimos metros houbo emoción: “Fun soa ata os últimos metros. Catalina Ghiretti, que finalmente quedou segunda, e eu, atopámonos na dársena de Náutico de Vigo e disputamos o primeiro posto nun sprint para tocar a placa que marca a posición de chegada”.

 

A pesar de que non é o seu primeiro triunfo, Ana destaca que o resultado non é o máis importante,” senón máis as sensacións que hai en cada travesía e o nivel de cada unha de elas”.

 

E claro, finalizamos a nosa conversación preguntándolle pola familia Máis que Auga. Sobre os alumnos explica que os adultos son moi agradecidos e prestan atención: “Os adultos que me viron nadar en ratiños libres de traballo, a verdade é que son súper agradecidos e interésanse polo que fago, ademais de atender e prestar atención aos exercicios de técnica e correccións que lles fago, que niso son algo insistente e perfeccionista…” Cos pequenos, a cousa cambia, xa que moitos deles nin son conscientes de que a monitora saiba nadar.  “A min o que me gusta é achegarlles os meus coñecementos e sensacións na auga, e trasladarllos para que lles sirva á hora de nadar. O feito de gañar ou perder, ou ser máis rápido, é secundario…”.  E con respecto aos seus compis, “hai un pouco de todo, jajaja! Algúns me preguntan os entrenos que fago, outros de onde saco as forzas para tentar chegar a todo, e outros me poñen motes por estar todo o día na auga, jajaja. Dá gusto traballar nun ambiente como o de MQA, hai un equipo moi bo, tanto de profesionais como de persoas”. E así chegou o momento de despedirnos de Ana, a flamante campioa da Travesía a nado da Ría de Vigo. Parabén Ana!