NA PRIMAVERA, AS NOSAS SAÍDAS OUTEXPERIENCE LÉVANNOS A CÍES E A REALIZAR O CAMIÑO DA ORIXE

13/04/2024

Xa está aquí a primavera e tamén o calendario para este trimestre do noso programa OutExperience! Esta estación é a que máis nos gusta para facer actividades no exterior e temos algunha novidade que sabemos que vos vai encantar, pero sen esquecernos das nosas actividades habituais, ás que xa estades afeitos e botariades de menos se desaparecesen.

 

Desta forma, a principal novidade deste trimestre será a excursión que realizaremos ás illas Cíes o domingo 28 de abril. Será unha actividade para a familia Máis que Auga que cada un poderá interpretar á súa maneira, desde unha visita guiada pola illa, a unha actividade máis movida facendo trail running, ou ben apostando por un día de asueto nuns dos parques naturais máis fermosos.

 

A continuación, deixámosvos a ligazón coa noticia na que tedes toda a información sobre esta saída.

Pero preguntarédesvos, e que máis podemos facer en abril? Abril é o mes da VigBay, na que estará presente un bo equipo de runners Máis que Auga, así que o día 14 de abril alí nos veremos. E a finais de mes, o sábado 27 non pode faltar a nosa cita mensual coa bicicleta de montaña. Faremos un roteiro BTT por Lago Castiñeiras e Domaio.

 

En maio comeza o Camiño da Orixe, que se inicia no faro de Corrubedo, e temos catro etapas dominicais preparadas para vós (dúas para este mes). O roteiro desenvólvese a través das terras barbancesas, ata chegar a Pontecesures, onde realizaremos unha viaxe en barco pola ría de Arousa e o río Ulla, pois segundo a tradición, foi polo río Ulla por onde chegou a Galicia a barca que trasladaba o corpo do Apóstolo Santiago.

 

Ademais, neste mes, non faltará a nosa cita coa BBT e neste caso iremos de Oia a Tamuxe (sábado 25 de maio).

 

Finalizaremos o trimestre, coas actividades do mes de xuño. Teremos dúas etapas máis do Camiño da Orixe  e ademais, a nocturna Correndo por Vigo (8 de xuño), unha proba moi especial na que colabora Máis que Auga e que move a miles de vigueses de todas as idades. E, por suposto, a nosa saída en bicicleta de montaña, que nos levará de Aldán a Cabo Home, polo que a beleza da natureza está asegurada.

 

Aquí tedes a ligazón co calendario das actividades Outexperience deste segundo trimestre, no que poderedes consultar todas as probas e datas.

Se estades interesados/as no programa OutExperience, so tedes que achegarvos ata a recepción de calquera dos nosos centros. Podedes contratar as actividades tanto soltas como nun abono por tempada. Unha saída solta ten un custe de 4,35 euros para adulto non abonado/a, mentres que para os nosos socios/as queda ao cincuenta por cento (2,15€). No caso dos abonos, se es socio/a sairache todo por 20 euros e no caso de non selo, por 40€, pero  como a tempada está avanzada, mellor será que fagades as vosas contas.

 

Por último, lembrarvos que para o programa OutExperience ou para calquera actividade que realices no exterior, é necesario contratar o seguro anual obrigatorio, que ten un prezo de 11 euros e un ano de vixencia.