AS ILLAS CÍES ESPÉRANNOS! PLANAZO NO PROGRAMA OUTEXPERIENCE!

23/03/2024

O programa OutExperience nunca deixa de sorprendernos! Para o próximo día 28 de abril temos unha proposta diferente, que aínda non realizaramos. E é que collemos o barco para irnos a explorar as Illas Cíes! Natureza en estado puro, nun dos parques naturais máis fermosos do mundo.

 

Pero como sempre, o mellor é ir por partes. Así que vos imos a contar que é o que nos preparou o noso técnico OutExperience Dani Domínguez. O próximo 28 de abril realizaremos unha excursión ás Illas Cíes na que teremos un roteiro de sendeirismo e outro de trail running, pero tamén poderedes ir pasar o día a Cíes se iso é o que vos apetece, xa que nos parece unha xornada de convivencia perfecta na que poden participar non só socios e amigos, senón tamén os traballadores e familiares de Máis que Auga, e por iso teremos, ademais de actividade física, xogos e momentos de lecer.

 

A hora de saída será ás 11:00 horas e o regreso está previsto para as 17:30 horas. Cando cheguemos, tocará o momento de camiñar ou facer trail para coñecer a fermosa illa. Teredes dúas opcións: Un roteiro de sendeirismo, que a realizaremos cos guías oficiais do parque (non é necesario o seguro OutExperience) ou o roteiro de trail running dirixidos por Dani Domínguez (con seguro de actividades no exterior). E despois de visitar a illa, será obrigatorio repoñer forzas. Os restaurantes do cámping e da praia de Rodas estarán abertos e poderedes reservar mesa neles, ou ben apostar por unha comida de picnic. Cuestión de gustos!

 

E pola tarde, chegará o momento dos xogos, nos que contaremos coa axuda dos técnicos/as Máis que Auga, que nos prepararán diferentes opcións para pasar un intre divertido xuntos. Haberá entretemento e diversión para nenos, por suposto, pero tamén para os adultos, así que ide preparados para gozar todos xuntos.

 

Prezos

Máis que Auga negociou coa navieira Piratas de Nabia un prezo especial polo transporte á illa, ademais de que a navieira se encargará de xestionar a autorización do Parque Nacional, imprescindible para visitar Cíes. Iso si, necesitarase unha cota mínima de rexistrados/as e, en caso de superar o número previsto, podería ampliarse se a inscrición se realiza con tempo. Que quere dicir todo isto? Pois que, se estades interesados, debedes apuntarvos en calquera das nosas instalacións canto antes, para garantir a vosa praza.

 

Para os socios/as o prezo será de 17 euros por adulto, mentres que os nenos (de 4 a 12 anos) pagarán 10€ e os menores de 3 anos poderán viaxar gratis. O custo para os adultos que non son abonados de MQA será de 20 euros e, como xa sabedes, o prezo do seguro anual para a realización de actividade física ao aire libre é de 11 euros.

 

*En caso de mal tempo, o luns previo á actividade buscarase nova data.