Estamos de celebración! O deportista Máis que Auga, Juan Antonio Saavedra logrou a súa clasificación para os Xogos Paralímpicos de París 2024 en tiro (carabina de aire tendido 10 metros R3), sendo ademais o primeiro deportista paralímpico español en logralo.
O mérito de Saavedra é aínda maior, xa que viña dunha baixa de 6 semanas e con escaso tempo de preparación. Así chegou á Copa do Mundo de Tiro de Changwon (Corea do Sur), onde o primeiro clasificado lograba a clasificación directa para París. Só valía o primeiro posto e a iso apuntou desde o principio o deportista MQA, que se puxo á fronte, primeiro na proba de clasificación e despois na final. Falamos con el e así nolo contou: “Este era o plan, pero antes da baixa. É verdade que adestrei ben esas dúas semanas e eu viaxei con confianza e coa ilusión de lograr a clasificación canto antes. E todo se deu ben desde o principio. Na clasificación logrei o primeiro posto e na final revalideino logrando a vitoria”.
E case sen respiro, trasladouse a Francia, onde se está realizando esta semana a proba test dos Xogos, que se realiza no mesmo campo de tiro, no que terá lugar a proba paralímpica. As sensacións foron excelentes. Saavedra venceu nas dúas probas celebradas (10 e 50 metros) e, aínda que as instalacións gustáronlle, explicou que “é un campo de tiro complicado, xa que sopra moito vento e iso dificulta o noso traballo. Pero esta proba serviu para aprender isto, xa que un dos días tivemos unhas condicións meteorolóxicas moi complicadas, así que, para aprender”.
Estes serán os sextos Xogos Paralímpicos do tirador pontevedrés, tras competir xa en Sydney 2000, Atenas 2004, Londres 2012 (con medalla de prata), Río 2016 e Tokio 2020 (bronce).
Agora, tras unha semana de descanso, a pensar nas probas que veñen por diante, nun verán moi atarefado: En xullo, a Copa do Mundo de Croacia; en agosto, os Xogos Europeos de Roterdam e en setembro, o campionato do Mundo en Lima (Perú). Como para aburrirse!