Yaiza Rodríguez: “os técnicos de Máis que Auga sacan o mellor de ti”

14/06/2018

Para esta viguesa de 32 anos e traballadora do servizo municipal de parques e xardíns o deporte forma parte da súa vida de sempre. Yaiza Rodríguez aprendeu na casa a probar de todo: “o meu pai teimaba sempre con que fixéramos exercicio os meus irmáns e máis eu. Meteunos de pequenos en atletismo, pero tanto daba se era subir aos árbores, colgarse dos aparellos do parque infantil ou xogar ao fútbol”.

Usuaria de Navia “desde que empezou o centro”, foi desenvolvendo diversas actividades ata que un dos técnicos de Máis que Auga convenceuna hai un ano para probar co tríatlon indoor. “Os técnicos son o mellor que ten o ximnasio: fanche probar cousas novas e sacan o mellor de cada unha. Somos unha gran familia”.

Neste deporte, a diferenza do tríatlon convencional, as especialidades realízanse con aparellos ergómetros, é dicir, máquinas que simulan o esquí, o remo e o ciclismo respectivamente. As probas son pura potencia e forza explosiva realizada ben sumando vatios de esforzo ou metros recorridos nun tempo dado; ben en series de distancias que hai que recoller no menor tempo posible.

“Ata agora competín no campionato autonómico e gañei na miña categoría. Realmente daquela non había moitas competidoras pero, comparando os meus tempos con competidores nacionais, estou entre as primeiras”. E agora Yaiza acode a Madrid para participar no seu primeiro campionato de España, ao máximo nivel, competindo en dúas modalidades: a primeira son 3 minutos en cada aparello e 1 minuto de descanso entre eles para sumar o maior número de vatios de esforzo posible. No segundo caso son 300 metros del skier (ergómetro de ski), 3 kilómetros de bici e 700 metros de remo a recorrer no menor tempo posible.

Á hora de preferir especialidade no tríatlon indoor, Yaiza non ten dúbida: “o peor é o remo, porque é o final da proba e chegas co que che queda”.

A súa rutina de probalo todo ten cambiado algo nos últimos meses, para dedicarse a preparar intensamente unha proba nacional. Con Máis que Auga deu o salto aos campionatos máis esixentes: sempre da man dos técnicos.