XA PODES INSCRIBIRTE NA XI LIGA MÁIS QUE AUGA DE PÁDEL

18/07/2021

Que ganas tiñamos de que volvese a liga Máis que Auga de Pádel! O coronavirus impediu a competición o pasado ano e, por fin, volve a nosa Liga!

 

En outubro de 2021 dará comezo a XI Liga Máis que Auga, que é a liga máis veterana da nosa cidade, grazas a todas e todos vós. Serán oito meses de competición (de outubro a xuño), que se desenvolverá nas instalacións de pádel de Máis que Auga Navia e Barreiro, con máis de 400 participantes en todos os niveis.

 

Como sempre haberá liga masculina, feminina e mixta e todas elas nos diferentes niveis, para que poidan competir tanto os que comezan, como os máis experimentados, fronte a deportistas do seu mesmo nivel (pas amarela, laranxa, verde, azul e marrón). A liga desenvolverase desde o mes de outubro ata xuño de 2022 e volveremos gozar da emoción da competición nas nosas instalacións!

 

Desde xa e ata o próximo día 30 de setembro podedes inscribirvos na liga a través da nosa web:

Ademais, lembrade que se o facedes antes do 30 de agosto teredes un desconto na inscrición: Neste período, o custo será de 10 euros para abonados, 13 para  cursillistas e 16 para externos. No caso de que realices a inscrición despois do 30 de agosto o prezo será de 12 euros para abonados, 16 para cursillistas e 20 para o resto.

 

A FINAIS DE AGOSTO, OBRAS EN BARREIRO

 

E cando comece a liga Máis que Auga poderedes gozar das novas superficies que se instalarán nas tres pistas cubertas de Barreiro. A nova superficie é a  SUPERCOURT  XN, da marca  MONDO, que é a pista oficial do World  Padel Tour. Algúns xa a coñeceredes porque, coincidindo coa celebración do WPT en Vigo, colocouse na pista 1 de Navia, polo que aos poucos imos mellorando as nosas instalacións para vós/ as.