Regresa o World Padel Tour a Máis que Auga! Despois da suspensión da edición do ano 2020 pola pandemia da COVID-19, volve esta competición a Vigo e tamén a Máis que Auga.
A proba da World Padel Tour de Vigo celebrarase do 9 ao 16 de maio e contará con dúas sedes: Máis que Auga Navia e o complexo municipal de As Travesas. En Navia, a competición comezará o día 9 e finalizará o 13, mentres que na sede central de As Travesas xogarase de luns 10 a domingo 16, xa que as roldas finais se disputarán neste pavillón. Aínda non temos a información ao completo, pero o que si está claro é que as mellores pas de todo o mundo volverán a MQA Navia!

Cambio de céspede na pista 1 de Navia.
A celebración deste torneo obríganos a realizar algúns cambios. Estes días, na pista 1 de Navia está a instalarse o céspede oficial da WTP, que é o de maior calidade do mercado. Ademais, ao estar ocupadas as instalacións nesas datas, non haberá reserva de pistas ata a finalización do evento. Doutra banda, sinalar que tamén nos vemos obrigados a mover de localización os cursos previstos, que pasarán para o centro de Barreiro. De antemán, pedímosvos desculpas polas molestias que vos poida ocasionar!
Hai que lembrar que o WPT é unha competición profesional de pádel que consta de 20 probas repartidas por todo o mundo e na que participan as e os mellores xogadores do mundo. En 2019 o World Padel Tour xa pasou por Navia e con magníficas críticas tanto por parte dos xogadores como da organización da WPT, que eloxiaron as nosas instalacións. Ademais, instaláronse bancadas no complexo de pádel de Navia e o acceso era gratuíto, o que significou un cheo de público durante todas as xornadas. Este ano, coa pandemia, aínda non está definido o tema da afluencia de público. É algo que decidirá a propia organización do WPT en colaboración co Concello de Vigo e que vos iremos comentando a medida que nolo vaian comunicando.
O que si que sabemos xa é que está aberto o prazo de inscrición no torneo e que o padeeiro Máis que Auga, Nacho Vilariño, participará, como xa sucedeu no ano 2019, no que tivo unha magnífica actuación.
Na seguinte ligazón tedes toda a información sobre a proba do World Padel Tour en Vigo e nós, tanto desde a nosa páxina web como as nosas redes sociais iremos informando respecto diso.