VOLVE CICLAUGA A MÁIS QUE AUGA COIA!

01/06/2021

Este sábado 5 de xuño (13:00 horas) volve  Ciclauga a  Máis que  Auga  Coia. É unha competición que encanta a todos aqueles que a proban, na que os participantes teñen que combinar piscina e bicicleta. A pandemia impediunos celebrala durante todos estes meses, pero agora, coas medidas necesarias, xa estamos en condicións de volver poñervos a proba nesta cuarta edición de  Ciclauga!

 

En que consiste  Ciclauga? É unha competición na que os participantes terán que facer dúas probas de 20 minutos na bicicleta e na piscina. O obxectivo é conseguir o maior número posible de puntos e estes dependerán do número de quilómetros que realices na bicicleta de ciclo  indoor (1 punto por cada quilómetro completado) e o número de voltas que sexas capaz de dar na piscina (1 punto por cada volta).

 

Nas tres edicións anteriores celebradas o ambiente foi excepcional e as e os participantes gozaron ao máximo da competición, tal e como nos conta o noso técnico Javi Vázquez. “É unha actividade moi dinámica, competitiva e física na que se crea moi bo ambiente grazas ao formato do evento”. A competición realizarase en tres quendas de 4 ou 6 participantes e este ano, polo tema do  COVID, realizarase a proba da bicicleta na praza exterior, sempre que o tempo o permita. Desta forma, a transición realizaríase pola porta de acceso á piscina. No caso de que as condicións climatolóxicas sexan adversas, habilitarase a sala 1-2 para poder realizar a proba coa maior seguridade posible.

 

E como en toda competición, teremos gañadores e premios, e un “detalle” para todos os participantes. Os tres primeiros clasificados da categoría masculina e feminina recibirán o seu obsequio como “campións” do noso Ciclauga, aínda que o principal premio é o bo intre que imos pasar todos xuntos e as risas.

 

Como inscribirse? A inscrición permanecerá aberta ata completar o aforo posible. Podes reservar a túa praza na recepción de calquera das nosas instalacións. Se es socio/a, a participación é gratuíta e no caso dos non abonados o prezo é de 3,80 euros.