VIVIMOS DESDE DENTRO A PROBA DE ORIENTACIÓN EN SAIÁNS!

24/07/2022

O pasado domingo 17 de xullo pechamos a tempada de actividades no exterior (OutExperience) cunha proba de orientación en diferentes modalidades que celebramos no monte de Saiáns. Foi unha experiencia incrible, cunha enorme participación, pero sobre todo cun magnífico ambiente, o que nos permitiu vivir un día diferente, en moitos casos con xente que non coñeciamos e que se incorporan á familia Máis que Auga día a día.

 

Como vos fomos contando estes días, a proba dividíase en diferentes modalidades (Canicross, BTT, andainas…) e distintas dificultades; no que non houbo diferenzas foi nas ganas de gozar da experiencia. Así que hoxe queremos saber como o viviron as e os participantes, que son, sen ningunha dúbida, os verdadeiros protagonistas.

O equipo gañador da proba longa de 10 balizas foi as Kardashian, un grupo formado por Carla Dacosta, María Rodal, Nerea Pere de Lis, Ana Mary Rodríguez, Yolanda Troncoso, Alina Tokarenko e Arancha Pérez de Lis. Estas mozas practican trail e decatáronse da proba a través das redes sociais, xa que só una delas é socia de Máis que Auga. “Apuntámonos porque practicamos trail e apetecíanos facer algunha proba deste estilo e ademais Saiáns é o monte onde adestramos, non podiamos perdérnola! Coñecemos a proba a través do instagram do organizador da proba, Dani Domínguez, que practica trail e xa lle coñecemos doutras carreiras”, explícanos Arancha. E á hora de facer balance, este non pode ser máis positivo: “A experiencia foi xenial. Moi divertida, moi ben organizada. As preguntas había que pensalas e estaba preparado para que non puidésemos utilizar o móbil, polo que foi moito máis divertido”. Repetiredes? Non o dubida Arancha: “Repetiremos seguro! O único problema é que nesta proba xogabamos en casa e iso deunos unha vantaxe importante. Noutro monte resultaranos moito máis difícil!”, pero ten unha solución rápida: “Haberá que adestrar noutros lugares, jeje”, chancea.

 

Despois de coñecer ás nosas Kardashian, imos con “Bici-reventaos”, equipo formado por Elia Fernández e Alberto Rus. Falamos con Elia quen nos conta que, aínda que non é socia de MQA, xa que vive en Ponteareas, a súa irmá si que é abonada e a través dela está informada das actividades que organizamos. Así, explicounos que “non era a miña primeira carreira de orientación, pero si a primeira que fago en bicicleta e pareceume moi interesante competir nesta modalidade. Fun con Alberto, un compañeiro de traballo co que vou unha vez á semana a facer algún roteiro en bicicleta”.

 

Da proba, só boas palabras: “Estivo xenial organizada. Dani preparou todo súper ben, descubrimos recunchos que non coñeciamos. Aínda que foi un pouco dura polos desniveis, pasámonolo moi ben”. Por iso afirma que “repetiría a experiencia sen dúbida, porque foi súper-divertida e unha maneira diferente de facer deporte”. Iso si, pide que para a próxima se divida a modalidade de BTT, xa que “había un equipo que ía con bicis eléctricas, e non competiamos ao mesmo nivel, jejeje”.

 

Outra das modalidades era canicross e aquí participou Olalla Pazo xunto con Raúl Riera e Coral Marante e os cans Gala e Teo. Eles eran Lobotomizados e finalizaron na segunda posición. Olalla, aínda que non é socia de MQA, coñécenos polo Camiño de Santiago: “Fixen parte do Camiño convosco e foi unha experiencia moi boa. Desde entón, estou pendente das actividades que realizades”, manifestou. Así, sumouse á proba de orientación cuns amigos e nunha modalidade, canicross, que non coñecía. “Non practicara canicross antes, aínda que si é verdade que adoito facer roteiros de sendeirismo e paseos polo monte cos cans”. Desta forma, animouse, xunto aos seus amigos Raúl e Coral, e sen dúbida repetiría: “A experiencia foi moi positiva. A proba estivo moi ben organizada, o trazado foi fenomenal e resultou moi entretida. Repetiría, sen dúbida!, asegura con rotundidade.

 

Pois despois de escoitar aos nosos protagonistas parece que… Repetiremos! Grazas a todas e todos por facernos vivir momentos únicos!