VIVIMOS A VIG-BAY XUNTO A NOEMÍ, GUILLE, SANTI, ELENA E NATI

30/03/2023

Un ano máis a Vig-Bay converteuse na gran festa do running de Galicia. A edición deste ano reuniu a máis de 4.000 persoas, entre as que, por suposto, estaban 40 integrantes do grupo de running Máis que Auga, que a preparan con esmero desde uns meses antes.

 

Como facemos todos os anos despois da proba, conversamos con algún dos nosos/as runners MQA, que nos contan sobre a súa vida, a súa experiencia e o que lles achega correr. Así que hoxe ímosvos a presentar a Noemí, Guille, Santi, Elena e Nati. Todos eles fixeron e acabaron a Vig-Bay, na súa versión longa (21 km.) ou curta (10 km.).

 

Noemí

E se falamos de resultados, aínda que xa sabedes que non é o que máis nos preocupa, temos que presumir necesariamente dese terceiro posto conseguido por Noemí Álvarez na categoría +35 anos feminina. Noe está a facer unha tempada incrible, sen baixarse do podio en todas as probas disputadas do circuíto Run-Run Vigo. A nosa corredora entrou no grupo en febreiro do ano pasado e ela fíxoo porque “me gusta correr de sempre. Eu acórdome de ir co meu pai a Castrelos con 17 anos”. E así, nun momento complicado na súa vida, volveu a aquilo que lle gustaba e xa quedou. Curiosamente xa leva tres Vig-Bay realizadas: “A primeira fíxena un pouco por casualidade. En 2019 quedei co dorsal dun mozo que se lesionou semanas antes e corrina sen preparar nin nada. E agora, xa con MQA, é a miña segunda Vig-Bay. O ano pasado fíxena e paseimo moi ben, así que repetín”. Nesta, ademais, subiu ao podio de +35 anos. “Sinceramente non mo esperaba, nin pensaba en facer podio. O meu obxectivo era facer un tempo de 1:35 e ao final fixen 1:33, así que moi ben. Xunteime con Diego e Quique, do grupo, e a verdade é que fomos a moi bo ritmo”.

 

Esta tempada está a ser a mellor de Noe. Actualmente vai de líder do Run Run na categoría feminina, aínda que non quere marcarse máis obxectivos que “facer todas as carreiras do circuíto”. Non ten moita explicación ao gran rendemento que está a ter, máis aló de “traballo e constancia” e diso vai sobrada.

 

Guille e Santi Gaggiolo son pai e fillo e cando lle preguntas a Guille como chegou ao grupo de running teno moi claro: “Convidado ou obrigado por Santi, que se apuntou unhas semanas antes”. A verdade é que foi un pouco por casualidade. Santi, que ten 16 anos, é socio de MQA e ao ver a planilla de actividades atopouse co grupo de running, chamoulle a atención e decidiu probar. Isto foi sobre o verán e detrás tróuxose ao seu pai, fixeron a Vig-Bay (Guille, o media maratón e Santi, a curta) e agora xa pensan na Pontevedrada para o ano que vén.

 

Guille

Guille, de 54 anos, é unha desas persoas ás que dá gusto escoitar. Co seu acento arxentino, pero xa coa retranca galega adquirida tras levar 21 anos en Vigo, máis o encanto da súa terceira nacionalidade, a italiana, cóntache que empezou no grupo co obxectivo de liberar a mente e fortalecer o corpo. “Era un obxectivo máis a nivel persoal, de estar ben física e mentalmente, e tamén de coñecer a xente nova. Así empezou todo!”, explica o noso Guille, que non contaba coa trampa que lle preparou Javi Vázquez, o técnico responsable do grupo de running de MQA Coia. “Javi pediume que fixese unha carreira, só unha, e aquí estamos! Pois si, detrás dunha proba, veu outra e de súpeto viuse preparando a Vig-Bay que a acabou e de forma fantástica. “Mesmo nos últimos 500 metros vinme con forza como para facer un sprint”. Na comida posterior á carreira, Guille soltou o seu discurso de “acabáronse as carreiras para min”, entre a gargallada xeral dos seus compañeiros/as, que saben que xa ten o gusanillo dentro do corpo.

 

E claro, toco falar do grupo, e aquí ambos coinciden  en que o ten todo: “é bo a nivel de traballo, pero tamén o é na personalidade, pola xente que o forma. A verdade é que é moi divertido”, di Santi, que non é tan charlatán como o seu pai, pero que si ten o seu sentido do humor. “Pon que o próximo obxectivo é a Pontevedrada, porque se queda escrito, xa non nos podemos botar atrás”. Así que o próximo ano contarémosvos como lles foi nesta proba, que é moi especial, xa que ten un obxectivo solidario (concienciar sobre a importancia da doazón) e son 67 quilómetros de Pontevedra a Santiago de Compostela, de forma ininterrompida e nunha marcha nocturna. Tremendo reto!

 

Para finalizar, imos presentarvos a Elena e Nati, das últimas en incorporarse ao grupo e por iso realizaron a versión mini do media maratón (os 10 quilómetros), que ademais, fixeron boa parte do percorrido xunto a Santi. É máis, cóntannos que, no tramo final, Santi díxolles: `Mozas, pegamos un pequeno acelerón´?, e elas dixéronlle que non podían, pero que se fose el. E Santi optou por quedar con elas, porque como vos dixemos antes os resultados non son o máis importante.

 

Elena González fíxose socia de MQA en 2018, despois de dar a luz, porque collera algo de peso. Probou moitas actividades (bike, zumba, baile latino…) ata que deu co grupo de running en setembro do pasado ano e aí quedou. “Que grupo máis marabilloso! Desde o principio póñencho fácil, non deixan que quedes atrasada soa, todos buscan que te integres e o certo é que o conseguen. Ademais, están metidos en campañas solidarias, sempre están a preparar algo e xa non che conto as celebracións! Case todas as semanas temos bombóns ou similares. Non teño máis palabras para definilo que marabilloso!”, manifestou a nosa socia de 49 anos. Elena entrou case á vez que Nati e enseguida fixeron grupillo e nesta Vig-Bay realizárona xuntas na súa versión reducida, aínda que xa anuncia que para o vindeiro ano van a pola media maratón. Agora están tremendamente orgullosas e contentas e con ganas de máis.

 

Nati, Elena e Santi

Natalia Castroseiros comezou hai uns seis meses e foi un pouco pola familia: “Eu era máis de spinning ou de natación, pero todos na miña familia corrían, así que quixen probar. Ao principio, facíao soa, pero aburríame, e en setembro, apunteime ao grupo porque pretendía participar na Carreira contra o Cancro e quería prepararme. Agora xa estou enganchada”. O mellor do grupo é a enorme variedade: “É curioso porque hai xente de todas as idades e todos nos levamos de marabilla entre nós. E despois está Javi, que tira de nós bastante e ás veces dános cana, pero iso é bo, porque ao final ves os resultados e anímaste”, destacou nosa runner.

 

Nati, de 31 anos, refírese a Elena como “a súa compi” porque entraron case á vez e adestran xuntas, porque van ao mesmo ritmo máis ou menos e “ao final unha tira da outra e iso é xenial”. Sobre a Vig-Bay destacou que o percorrido pola costa é precioso e facelo xunto a Elena e Santi foi xenial, así que “agora, a pensar na próxima proba”.