VINDE COÑECER AS NOSAS TARTARUGAS, MIÑOCAS, XURELOS…

31/10/2021

As nosas piscinas xa están cheas de miñocas, tartarugas, calamares, xurelos, cachalotes, golfiños e escualos. Cos cursos de natación en marcha, os nosos peques, cos seus  gorriños e bañadores de cores, énchennos de alegría cos seus saltos, os seus xogos e as súas bromas.

 

Moitas veces preguntádesnos que significan os nomes dos nosos niveis, así que hoxe acudimos a  Almu López, técnica de Máis que Auga Coia, para que nos describa os diferentes niveis.  Almu destacou por riba de todo que “sempre traballamos o aspecto lúdico. Que o xogo sexa a guía que dirixa a aprendizaxe, para que os peques gocen á vez que aprenden”.

 

A continuación tedes os diferentes niveis, coa pequena explicación de  Almu sobre o que se traballa en cada un deles.

 

Bebés (de 6 meses a 2 anos): Para peques desde os seis meses ata que cumpra os 3 anos, que será cando dan o salto a  Miñocas. Nesta clase o bebé sempre estará acompañado por un adulto do ámbito familiar e a clase será guiada por un técnico/a. Trabállase a adaptación ao medio acuático e búscase unha mellora na psicomotricidade dos nenos/as.

 

Miñocas (3 anos): É o curso inicial para nenos/as que aínda non saben nadar. Moitos veñen derivados das clases de bebés e outros parten de cero, polo que sería o seu primeiro contacto coa natación. Sempre traballamos de forma lúdica, tratamos de que, de forma xogada, empecen a flotar, que perdan o medo, desprazamentos básicos con material auxiliar e iniciación á respiración…

 

Tartaruga (de 4 a 6 anos e de 7 a 11): Segue sendo un nivel de iniciación, no que van aprender a desprazarse dunha forma máis autómata, a flotar sen necesidade de axuda, comezan co mergullo… Todo iso pensando xa en facer o cambio á piscina grande.

 

Calamar (de 4 a 6 anos e de 7 a 11): É a toma de contacto coa piscina grande. No inicio algún pequerrecho/a aínda necesita churro, pero despois déixano. É para nenos/as que saben nadar, pero sen estilo definido e que non teñen medo. Practicamos a propulsión boca abaixo e arriba, iniciación a crol e costas e continuamos co mergullo.

 

Xurelo (de 7 a 11): Os nosos peixiños neste nivel xa teñen soltura. Empezan a perfeccionar o estilo de crol e costas, seguen traballando a respiración, a coordinación, o mergullo en horizontal ao longo da piscina. Ademais, empezan a xogar ao  waterpolo.

 

Cachalote (de 7 a 11 anos e de 12 a 14): Incorpórase a braza, aínda que se segue perfeccionando o estilo en  crol e costas. Traballan as viraxes e as saídas. E tamén inícianse na natación sincronizada.

 

Golfiño (de 12 a 14 anos): Estes alumnos/as contan xa cunha boa técnica, polo que empezan a facer clases máis especializadas. Perfeccionamento dos estilos crol, costas, braza e iniciación ao estilo bolboreta. Traballan todo o anterior e, a maiores, metemos rescate e salvamento, que resulta moi interesante para eles nestas idades.

 

Escualo (de 15 e 16 anos): Continúa o guión do que se traballa cos  golfiños. É o grupo de perfeccionamento, pero a nivel de nenos.