Vigo desexa sorte aos seus paralímpicos

26/08/2016

O martes 30 de agosto Máis que Auga celebra un acto de despedida dos atletas paralímpicos, Chano Rodríguez e Susana Rodríguez, cos que colaboramos desde hai tempo. A cita será na instalación de Máis que Auga Navia, entre as 11.30 e as 12.00 horas. O propósito é facer piña para que partan a conquistar Río 2016 con boas sensacións. 

O acto de despedida e ánimo estará protagonizado por un grupo de nenas e nenos de 8-14 anos que participan nas actividades deportivas de Máis que Auga. Os rapaces nadarán nas piscinas de Máis que Auga xunto aos nosos campións, que tamén estarán apoiados por otros deportistas vigueses, xusto antes da súa partida para Río de Janeiro.

Se queres vivilo en directo, podes asistir ao acto no que Máis que Auga simboliza o apoio da cidade de Vigo aos seus atletas.

Tamén nos podes enviar un vídeo ou a mensaxe motivadora que ti prefiras incluíndo as etiquetas #DeVigoaRio, #SuperChano, #SuperSusana. Catro anos de loita, esforzo, entrega e superación ben merecen unha despedida por parte de todos, non si?