A vida despois do programa Let´s Be Active

15/08/2019

Hai xa máis de catro meses que rematou o programa Let´s Be Active, no que 30 persoas durante seis semanas saíron do sedentarismo e comezaron a levar unha vida máis saudable e activa da man dos nosos técnicos. É un proxecto promovido pola Unión Europea dentro do plan Erasmus+ (Programa Europeo de Educación, Formación, Juventud y Deporte) e pola Fundación España Activa, ao que nos sumamos en Máis que Auga.

 

Na segunda quincena de marzo rematou este proxecto e as vidas dos nosos protagonistas continuaron. Que foi deles? Seguen practicando deporte? A verdade é que non todos lograron manter o hábito deportivo, pero o que si foi un sentimento xeral foi o feito de que gozaron moito da experiencia e moitos dos que agora mesmo por diferentes motivos non están a facer deporte, esperan poder volver a facelo.

 

Este é o caso de Susana Rodríguez que comezou este programa co obxectivo de baixar peso xa que “despois dos embarazos collín moito peso” e descubriu que o ximnasio era “unha terapia psicolóxicamente”. Desgraciadamente no mes de abril comezou un novo traballo cun horario que non lle deixa tempo para ir ao ximnasio: “As poucas tardes que teño libres as adico ás miñas fillas e deixei de ter tempo para min. Estou desexando volver ao meu horario de sempre e regresar a Máis que Auga, pero teño para rato…”.

 

Tania, no ximnasio.

Pero que pasou coas persoas que si continúan facendo deporte? Aquí temos varios exemplos. Tania Pereira despois do Let´s Be Active logrou reencontrarse co deporte. Explicounos que se apuntou porque “pensei que era unha boa forma de comezar a facer exercicio de novo e de forma gratuíta” e agora é asidua a Máis que Auga en Barreiro. “Tento ir 4 veces á sema ao ximnasio, ir camiñando aos lugares próximos.. En definitiva, moverme máis nas actividades cotidianas”. E dende o seu punto de vista a súa vida cambiou para mellor: “Teño unha vida más activa e síntome moito mellor co meu corpo, menos dolencias, máis alegría e máis capacidade para realizar todo tipo de actividades”.

 

Nadiuska Rodríguez é actualmente socia de Máis que Auga Navia e está encantada de reencontrarse coa vida deportiva e saudable. “Apunteime porque me pareceu unha ocasión estupenda para volver a retomar os hábitos saudables, que os deixara hai un ano”. Gustoulle moito o programa e os técnicos e a partir de aí “retomei o deporte como un hábito. Agora sigo no ximnasio, fago as clases programadas, vou a spinning de vez en cando… As máquinas non, porque non me gustaron nunca”.

 

Nadiuska está contenta de como é a súa vida agora: “Vou ao ximnasio case todos os días, tendo hábitos máis saudables e me sinto mellor comigo mesmo. A verdade é que o programa me gustou moito e estou moi agradecida”.

 

E no centro de Barreiro temos a Jéssica Valcárcel, de 17 anos, que está encantada con novo xiro que lle deu a súa vida a partir deste programa: “A miña vida é diferente porque a partir do proxecto Let´s Be Active comecei a realizar más actividades físicas e a comer san”.  Actualmente vai ao ximnasio en Barreiro tres veces á semana e está a seguir as indicacións dos técnicos no seu adestramento. Asegura que “o deporte me aporta unha vida máis saudable e menos sedentaria”.