VEN COÑECER O PICKLEBALL A MQA BARREIRO!

18/04/2023

É moi posible que non escoitaras falar do Pickleball, así que aí van as primeiras claves: É un deporte de raqueta, que ten un pouco de tenis, algo de pádel, outro tanto de bádminton e un chisco de tenis de mesa. Xógase nun espazo reducido, con pas de madeira e unha bóla de plástico duro con buracos. É un deporte, que pode ser xogado por 2 ou 4 persoas, e que se importou dos Estados Unidos, onde naceu en 1965 e actualmente conta con 5 millóns de practicantes.

 

Ademais, outra das súas características é que é unha modalidade deportiva adecuada a todas as idades, sen necesitar un gran fondo físico, que podes xogar coa familia ou amigos e… que, ademais, engancha.

 

E, como xa sabedes, en Máis que Auga encántanos coñecer novas actividades, polo que, en colaboración con APIGA (Asociación de PICKLEBALL de Galicia), imos realizar nas instalacións de pádel de Barreiro, unhas xornadas gratuítas para dar a coñecer este deporte.

 

As xornadas celebraranse os días 28 (horario de tarde) e 29 de abril (de mañá) e o único requisito para inscribirse é ter máis de 8 anos, vir con roupa cómoda para a práctica deportiva e… moitas ganas de pasalo ben.

 

A continuación, tedes a ligazón para inscribirvos nas xornadas de portas abertas, indicando o número de persoas que queredes facer a proba e elixindo o día. Lembrade que son prazas limitadas, así que reservade canto antes e estamos seguros de que pasaredes un intre divertido en familia ou co teu grupo de amigos/as, practicando deporte e coñecendo un novo deporte.