UNHA MENSAXE NO DÍA MUNDIAL DA ACTIVIDADE FÍSICA: O DEPORTE É A MELLOR MENCIÑA PREVENTIVA

06/04/2022

Hoxe, 6 de abril, celébrase o Día Mundial da Actividade Física, co obxectivo fundamental de sensibilizar á poboación sobre a importancia de practicar actividade física de maneira regular para mellorar a saúde e adquirir bos hábitos de vida.

 

Como ben sabedes, en  Máis que Auga celebramos esta conmemoración todos os días do ano, porque sabemos o importante que é o deporte tanto para a nosa saúde mental como física, por iso animámosvos a movervos, a bailar, a divertirvos co deporte, porque é, sen dúbida, a mellor menciña para a nosa saúde… E sen contraindicacións!

 

Porque os datos son claros. A inactividade física é o cuarto factor de risco máis importante de mortalidade mundial. O sedentarismo instalouse na nosa sociedade, na que pasamos moitos horas sentados diante do computador e abusamos ás veces de comida rápida, que non é a máis sa. Este problema, chegou tamén aos nosos nenos/as, e iso vese reflectido no incremento da obesidade infantil, outra pandemia que nos preocupa enormemente.

 

Por iso, non podemos deixar de lembrarvos que a actividade física moderada é unha das maneiras máis sinxelas de mellorar a saúde e manterse san. Son afirmacións que chegan da Organización Mundial da Saúde, dos nosos médicos, dos expertos, que non deixan de lembrarnos que a práctica habitual de actividade prevén e controla moitas enfermidades (como as cardiovasculares, a diabetes, a obesidade e a osteoporose), axuda a reducir o estrés e rebaixar os niveis pouco saudables de colesterol e de tensión arterial, así como a prevención do risco de sufrir algún tipo de cancro.

 

Por iso, e esperando non ser moi pesados, queremos animarvos a saír á rúa para camiñar, a achegarvos aos nosos centros e probar algunha das nosas clases nas que seguro que vos sentiredes a gusto. Hai clases para todas e todos, para os que empezan e os máis  avezados; para os máis novos e para os máis veteranos… Non pensedes que porque nunca fixestes nada de deporte ou nunca pisastes un ximnasio non atoparedes o voso lugar. Non dubidedes en preguntar aos nosos técnicos/as, que están á vosa disposición para guiarvos, para indicarvos por onde empezar e para animarvos nesta posta en marcha. Día a día iredes notando a melloría, que cada vez os atopades mellor e como cada día vos apetece máis volver ao  gym. E lembrade, en  Máis que  Auga todos os días son o Día Mundial da Actividade Física!