Unha menor forza muscular asóciase cun maior risco de hospitalización por COVID-19

09/03/2021

Sabedes que case cada semana imos descubrindo cousas novas en relación coa  COVID-19. O feito de ser unha enfermidade nova significa unha aprendizaxe continuada sobre a pequena experiencia que se vai acumulando. Desta forma, no avance dun estudo realizado en Europa sobre unha mostra de 3.600 persoas de máis de 50 anos, chégase á conclusión de que o déficit de forza e de masa muscular,  predispón a unha resposta inmune DEFICIENTE ante enfermidades graves como pode ser a COVID-19. Esta resposta  inmunitaria deteriorada pode conducir a unha maior mortalidade a curto prazo, a unha recuperación máis lenta e a unha deterioración funcional dos pacientes que consigan superar a enfermidade, e mesmo tamén a unha menor efectividade da vacina. É dicir, a fraxilidade ou a falta de forza asóciase a un peor prognóstico en todas as etapas da enfermidade.

 

Nesta ligazón, podedes ler un artigo no que se explica as conclusións deste estudo, que mostra a importancia da función muscular como marcador de prognóstico por COVID-19. Ademais, a súa relevancia é mesmo maior nun contexto de pacientes críticos.

Por iso, unha vez máis queremos insistir na necesidade de que esteades fortes, o cal significa unha mellor preparación para responder ante a COVID-19. Necesitamos fortalecer o sistema  inmunitario para facer fronte a este enfermidade, que volveu do revés a nosa sociedade.

 

E, por suposto, tamén queremos insistir na necesidade de facer deporte aconsellados por profesionais. Se empezades agora sen control, forzando para conseguir resultados rápidos, o máis probable é que o resultado sexa unha lesión. Por iso, lembrade o importante que é poñerse en mans de profesionais. Se hai tempo que non fas nada de deporte e non sabes por onde comezar, non dubides en preguntar aos nosos técnicos/as. Explícalles os teus obxectivos e realizaranche un estudo para analizar que é o que mellor se adapta a ti e a túa condición física e propoñeranche unha programación específica de adestramento.