UNHA CADEA DE CARIÑO

15/05/2020

Que os botamos de menos é algo que sabedes ben, igual que nós tamén sabemos que nos botades en falta nestas longas semanas! Recibimos as vosas mensaxes a través de redes, os correos de cariño, os vosos comentarios nos grupos de wasap e, nalgúns casos, as chamadas telefónicas.

 

E así, con algunhas chamadas e o contacto que xa tiñamos con moitos dos socios e socias durante todo este tempo, xurdiu unha iniciativa absolutamente voluntaria e fermosa que, co permiso de todos, queremos compartir con vós. Como sempre os dicimos somos unha gran familia e nesta situación volveu amosarse!

 

Así, traballadores e traballadoras de Máis que Auga seguiron en contacto con abonados/as, sobre todo cos máis maiores. Son chamadas de cariño, de acompañamento para saber que están ben e durante un rato ambas partes rin xuntos, e se é necesario, se queixan un pouco e comparten algunha tristeza. Marisol, unha das nosas compañeiras, explícanos como xurdiu no seu caso. “Un día contestei unha chamada na centralita dunha usuaria de Coia. Era Eugenia, de 86 anos. Dime que chama porque se aburre na casa e nos bota de menos. Estiven falando con ela un bo rato e dicíndolle que se mantivera activa subindo e baixando escaleiras. Uns días máis tarde chameina. “Eugenia, cantas veces subiches e baixaches as escaleiras?”. Eugenia, despois de dicirme que o facía todos os días, comezou a contarme as súas cousas cunha alegría que me transmitía ao outro lado”. E así comezou todo, con Eugenia.

 

As chamadas son semanais e ambas pasan un magnífico momento compartindo as súas cousas. Eugenia ten tres fillos e varios netos, pero non viven en Vigo, polo que a única forma de contacto é a través do teléfono. Eugenia, como moitos pais e nais xa de certa idade, ten un deses móbiles que só é un teléfono, polo que non podía recibir fotografías. Así que cando naceu unha bisneta, Eugenia pediulle ao afortunado pai que lle enviara unha foto. “Polo día da Nai”, dixo o seu neto. E así, para ese día Eugenia recibiu un paquete máis grande do que ela esperaba para unha foto. “Virá cun marco”, pensou e abriu o paquete con toda a emoción… Era un móbil con internet e ese día tivo unha videoconferencia con toda a familia: “Falaron durante catro horas, coñeceu a súa bisneta e falou con todos os fillos”. Pois a emoción de Eugenia chegou a Marisol e agora, como unha cadea de cariño, chega a todos vós.

 

Despois deste primeiro contacto, Marisol decidiuse a chamar a outros abonados e abonadas cos que tiña relación e cada chamada é un impulso nestes intres de desasosego para todos. Un impulso para Marisol e para o seu interlocutor.

 

E como Marisol, houbo máis compañeiras e compañeiros. Carlota, Lorena, Andrea, Carol, Jana (Navia), Alicia, Jorge, Elsa, Rosalía (Barreiro), Rosa, Flavia, Mila (Coia)… Moitas delas xa tiñan grupos de wasap creados con anterioridade e durante estas semanas estiveron máis activos que nunca. Alicia, de Barreiro, explícanos que todos os días saúda aos seus “bacallaus”, un grupo de “progresa”, formado por xente “moi nova de espírito e algún ano de experiencia”, e ao longo do día están contando as súas cosas: “Son súper simpáticos”, di Alicia, que non se aburre con eles.

 

Hai un par de semanas, Alicia colleu o teléfono e estivo toda a mañá chamando aos seus bacallaus” e “a todos lles fixo moitísima ilusión! Foi un subidón para eles e tamén para min. Todos eles, Merce, Suso, Divi, Isaura... son incribles e estou moi orgullosa de coñecelos e de sentirme tan querida por eles”. Todos están desexando volver á piscina, adestrar e reunirse, porque neste confinamento na casa amosaron que son moito máis que uns compañeiros dunha clase. “Eu xa levo con algúns deles uns cinco anos e fanse vínculos”, recoñece Alicia que non pode evitar emocionarse ao falar dos seus queridos “bacallaus”.

 

E algo moi similar é o que lle pasa a Carlota, co seu grupo de wasap do grupo de aquagym.  O grupo fumea durante todo o día e son moitas as fotos dos experimentos na cociña, “case todo doces”, di Carlota que xa os ameaza co traballo que tocará á volta, “todos me transmiten as gañas que teñen de volver. Para eles é fundamental recuperar  súa actividade, volver a ter contacto social, botar unhas risas… Así que están desexando regresar”.

 

As anécdotas durante todas estas semanas son moitas, pero Carlota quedouse con Isabel, unha das usuarias coas que se puxo en contacto. Contoulle que ela chama todos os días aos seus compañeiros de clase e vai apuntando nunha libreta o que lle contan, para non esquecerse de nada. “Cando a chamei e lle dixen quen era, emocionouse un montón e xa me dixo que, aínda que pensara non volver á piscina ata setembro, que non, que vai pasar o verán con nós”, comenta Carlota divertida.

 

Rosa estaba un pouquiño preocupada por Mucha, “a nosa socia máis veterana de Coia, con 93 anos. Así que quixen chamala para ver como estaba e, xenial! Leva todo este tempo na casa, pero di que camiña moito, que o seu piso é grande e está a facer grandes caminatas. Foi unha alegría escoitala tan ben”. E tamén chamou a Chelo, “que sempre nos trae bombóns no Nadal” e tamén a atopou moi animada, “vive nunha casa con finca e di que está moi entretida coas flores, aínda que con ganas de saír e volver a recuperar pouco a pouco a normalidade”.

 

Así é a familia Máis que Auga. Xuntos tamén na distancia!