UN RETO, UNHA COMPETICIÓN, UN XOGO!

23/03/2022

Coñecedes os nosos retos mensuais? É unha actividade que comezaramos xusto antes da pandemia e que, como outras moitas cousas, tivo que quedar aparcada. Pero pensamos que chegou o momento de volver poñervos a proba, de incentivarvos e de sacar esa vea de competitividade que todos levamos dentro.

 

Así que no mes de febreiro regresamos con forza! Contámosvos en que consiste. Os nosos técnicos/as establecen un reto mensual en piscina e outro en sala e o obxectivo é facer unha competición entre os nosos usuarios/ as para ver quen o realiza en menos tempo ou o maior logro alcanzado, segundo cal será a proba. Nos centros teredes un cartel informativo sobre cal é o desafío do mes e un código  QR para que poidades ver un vídeo demostrativo.

 

Se vos gusta o reto e queredes realizalo, debedes avisar a un dos nosos técnicos/as e comentarllo, xa que eles actuarán como xuíces para medir o tempo e a correcta realización da proba (da que teremos vídeo). Nada de facer trampas! Teredes todo o mes para preparala e realizala e o gañador levará o premio estipulado (marcado por cada centro e que irá cambiando).

 

En febreiro comezamos cos retos mensuais nos centros de  Coia e Barreiro e en abril comezará Navia. A verdade é que nos encantou a vosa resposta, nótase que hai ganas de superarse día a día e que o pique co compañeiro/a de  gym é moi san!

 

Así que, lembrade que aínda vos quedan uns días para participar no reto de marzo. En que consisten? O da piscina é “La Torre de Pisa” e os participantes deberán soster o maior tempo posible unha torre de 5  pullboys flotando e sen tocar o fondo da piscina. O de sala é  “La Grúa” e consiste en colocar cos pés unha pila de cinco ladrillos de ioga (hai que realizalo dúas veces no menor tempo posible). Pero neste caso, mellor unha imaxe que mil palabras, así que fíxádevos ben en como o fan eles. A ver se vos dan trucos!

E querémonos despedir coas imaxes dos gañadores do mes de febreiro e animándovos a participar nos nosos retos, que serven para tratar de seguir crecendo, mellorar, escapar da monotonía do adestramento diario e mesmo aumentar a interacción con outras persoas.