UN NOVO RETO: FAREMOS O CAMIÑO DE SANTIAGO DA ORIXE!

04/05/2024

Aquí tedes un novo reto! Imos propoñervos realizar, entre os meses de maio e xuño, o Camiño de Santiago da Orixe, que ten unha nova vertente que nos permitirá coñecer outras zonas e vivir novas experiencias.

 

Serán en total 90 quilómetros que repartiremos en catro etapas e nas que estaremos acompañados por técnicos de Máis que Auga e os amigos de Galegría Viaxes, que son os nosos compañeiros fieis cada vez que realizamos o Camiño de Santiago, en calquera das súas vertentes.

 

Seguro que moitos non coñecedes o Camiño da Orixe, así que vos contaremos en que consiste. Segundo a tradición xacobea, os restos de Santiago Apóstolo, traídos por dous dos seus discípulos, chegaron a Galicia nunha barca, que arribou na Ría de Arousa e ascendeu polo río Ulla ata Padrón e posteriormente continuou o camiño nun carro tirado por bois ata Compostela, onde foi sepultado.

 

Así, ao redor desta tradición, temos catro fermosas etapas que nos permitirán coñecer sitios excepcionais e pasar grandes momentos xuntos. A continuación, tedes a descrición das xornadas.

 

Domingo 12 de maio: Faro de Corrubedo – Ribeira (21 qm)

Esta etapa estará dividida en dúas partes e a suma de ambas alcanza os 21 quilómetros. Comezaremos a camiñar no Faro de Corrubedo e iremos cara ao parque natural de Corrubedo, onde visitaremos o centro de visitantes e gozaremos das súas xigantes dunas. Evidentemente, é unha parada obrigada e fantástica para gozar deste fermoso lugar. A continuación, realizaremos a segunda parte da etapa, na que iremos desde o centro de interpretación, pasaremos por Aguiño e finalizará a marcha en Ribeira, tras un percorrido de aproximadamente 15 quilómetros.

A continuación, tedes as ligazóns coas dúas partes do roteiro en Strava.

Domingo 26 de maio: Ribeira – Pobra do Caramiñal – Boiro – Cabo de Cruz (23 qm)

A segunda etapa celebrarase o domingo 26 de maio e comezará en Ribeira, para ir avanzando, sempre pegados ao mar, cara á Pobra do Caramiñal, Boiro e Cabo de Cruz. En total, 23 quilómetros co mar como gran protagonista

Domingo 9 de xuño: Boiro – Rianxo (21 qm)

Terceira etapa do noso Camiño da Orixe que nos levará desde Boiro ata Rianxo, para finalizar cunha visita ao miradoiro da Curota, un dos máis impresionantes da nosa terra. En total, 21 quilómetros gozando de cada recuncho.

Domingo 23 de xuño: Rianxo – Pontecesures (26 qm)

Última etapa do noso Camiño da Orixe, na  que combinaremos costa e zona interior da Ría de Arousa, entre a poboación de Rianxo, Catoira, Dodro e con final en Pontecesures, onde nos subiremos ao Barco Peregrino para gozar dunha preciosa viaxe de volta ata Vilanova de Arousa polo río Ulla e a ría de Arousa, con degustación de mexillóns e final de festa peregrina.

As inscricións xa están abertas e todas as persoas interesadas poden reservar a súa praza enviando unha mensaxe de WhatsApp ao teléfono +34 633 07 59 35 ou na recepción de calquera dos nosos centros. O prezo inclúe o desprazamento en autobús ata o inicio de etapa e regreso, así como a súa asistencia durante a actividade (autobús escoba); e por suposto, o seguro de asistencia en viaxe e neste caso a experiencia no Barco Peregrino. O prezo das 4 etapas será de 155 para socios Máis que Auga e participantes noutros camiños MQA. O custo para os non socios será de 165 euros. Prazas limitadas (55 en total).