UN NOVO RETO: AGORA EMPRENDEMOS O CAMIÑO INGLÉS!

17/08/2021

Sabedes que en Máis que  Auga nos encantan os retos, así que xa estamos metidos de cheo no seguinte. Fai un par de meses fixemos por primeira vez o Camiño de Santiago e foi unha experiencia incrible e enriquecedora que nos encantou tanto a nós como aos socios e amigos/as que o realizaron.

 

E o certo é que quedamos con ganas de máis! Repetir sen máis, non nos apetecía, así que comezamos a planear facer unha nova variante do Camiño, o Inglés, de forma que poidamos coñecer outra parte de Galicia desde o Camiño, xa que é unha forma completamente diferente de facer turismo e gozar da natureza.

 

O Camiño Inglés é quizá un dos camiños menos coñecidos e, por tanto, menos visitado por parte dos peregrinos. Este camiño comeza na zona norte de Galicia, en Ferrol, e termina en Santiago de Compostela cun percorrido total de 112 quilómetros  e unha dificultade media, marcada pola orografía.

 

Como o faremos? Dividiremos o camiño en catro etapas que realizaremos sempre en domingo, sendo a primeira o día 19 de setembro (Ferrol-Pontedeume) e posteriormente faremos Pontedeume-Leiro (3 de outubro); Leiro-A Rúa (17 de outubro) e A Rúa-Santiago (7 de novembro).

 

Que necesitamos para facer o Camiño? Por suposto, imprescindible, calzado e roupa cómoda, protector solar se fai sol,  viseira, un  chuvasqueiro, por se toca choiva, e algo para comer e beber para o percorrido.

 

O prezo da actividade será de 65€ para os socios e 75€ para os non socios, coa condición de que xa teñades o seguro obrigatorio para facer práctica deportiva no exterior. Se non contades con ese seguro, o custo increméntase en dez euros para contratalo, e contaredes con esta protección para calquera tipo de actividade durante un ano. No prezo vai incluído o transporte de ida e volta en autobús, con saída desde Máis que  Auga. Dous técnicos acompañarán aos participantes nas diferentes etapas e todos os interesados/as poderán conseguir a súa  Compostela. Iso si, deberán solicitala previamente para que desde  Máis que  Auga fáganse os trámites pertinentes.

 

Se estades interesados/as, podedes preguntar na recepción de calquera dos nosos centros, onde darán resposta ás vosas dúbidas e poderedes reservar a vosa praza canto antes, porque a actividade ten un aforo máximo establecido.