TRUCOS PARA GOZAR DO VERÁN SEN SUBIR DE PESO

27/07/2023

É o verán unha época propicia para subir de peso, xa que normalmente estamos menos activos e temos máis “vicios”. Por iso, e como sempre facemos, acudimos ao noso nutricionista, en busca dalgúns “truquiños” para gozar do verán, poder permitirnos algún exceso, pero que iso non se vexa reflectido na báscula e nos amargue as vacacións.

E Víctor Vázquez, o responsable do gabinete de nutrición de Máis que Auga Navia, nunca nos defrauda. Deunos varios tips, moi sinxelos e fáciles de cumprir, ademais dunhas receitas para tomar algo doce sen remordemento.

Imos cos seus consellos!

  1. Nos días de praia leva froita para comer entre horas. É o momento do ano idóneo para o seu consumo xa que refrescan e axúdannos a evitar comer outro tipo de alimentos menos recomendables.

 

  1. Utiliza as ensaladas como comida habitual, ben sexa para levar por aí ou para casa. Ten en conta que as bases dunha boa ensalada son as verduras e sempre algo de proteína. Leituga, rúcula, cóengos ou repolo como base sempre é unha boa opción e pódese combinar con algunha lata de conserva (pola súa facilidade) como atún, mexillóns, etc.… ou con peituga de pito partida, por exemplo. Tamén se poden engadir graxas de calidade cun chorro de aceite de oliva virxe extra, aguacate ou froitos secos.

 

  1. A bebida principal ten que ser a auga, debemos estar ben hidratados e así deixamos para eventos especiais ou quedadas a típica cervexa. Hai que lembrar que o seu consumo eventual non está rifado cun estilo de vida saudable. Como sempre, no termo medio está o éxito.

 

  1. Aproveita o bo tempo para moverte máis e goza dos paseos ao aire libre.

 

  1. Se vas á praia, non te quedes tombado todo o tempo na toalla. Dar paseos pola beira do mar, xogar ás pas son dúas das opcións que te divertirán e son moi saudables.

 

  1. Podes aproveitar para elaborar os teus propios xeados caseiros, saborosos e saudables. Aquí tedes dous exemplos:

 

  • POLO DE CHOCOLATE E PLÁTANO:

2 CUNCAS DE BEBIDA VEXETAL (ARROZ PREFERIBLEMENTE)

2 CULLERADAS DE CACAO PURO OU CHOCOLATE +80%

2 PLÁTANOS MADUROS

Mesturar todo ata que quede unha pasta homoxénea. A mestura ponse nun molde con forma de polo e ao conxelador durante unhas horas.

 

  • TERRINA DE AMORODO:

AMORODOS (Cantidade a elixir). Hai que conxelalos.

2 KÉFIR OU YOGURT NATURAL SEN AZUCRE

100 GR DE QUEIXO CREMA

3 CULLERADAS DE ESTEVIA

Mesturas todo ata que quede unha pasta homoxénea, pero non esquezas que os amorodos deben estar conxelados previamente.  Sírveo en forma redonda de xeado e podes engadirlle algunha froita máis de forma externa como os arándanos.