TRES ATLETAS MÁIS QUE AUGA SUBIRON AO PODIO NA SUBIDA AO CASTRO

04/02/2023

Comezou a Run Run Vigo 2023 coa Subida ao Castro e con tres deportistas Máis que Auga subidos ao podio.

 

O circuíto de carreiras populares de Vigo arrincou precisamente cunha de clásicas e posiblemente a proba máis especial. A XVII Subida ao Castro destaca polo seu curto percorrido (3 quilómetros), pero a súa tremenda esixencia, xa que é unha costa continúa, acompañada por grandes tramos de escaleiras tamén en ascenso (135 metros de desnivel). Sen dúbida, unha carreira que representa á perfección á cidade, xa que une o mar (a saída celébrase desde o paseo de As Avenidas) co monte do Castro, nunha subida constante, tal e como é a cidade.

Participaron preto de 500 deportistas e entre eles estaban o noso grupo de running Máis que Auga, que acudiu con case 30 atletas, dispostos a gozar e sufrir un ano máis nesta proba tan explosiva e rompe pernas. E aos nosos non lles foi nada mal! Na categoría feminina hai que destacar o segundo posto de Noemí Álvarez (MQA), cun tempo de 15:27.447, por detrás da vencedora, Andrea Iglesias. Seguindo coas nosas mozas, hai que destacar a segunda posición de Rosa Álvarez en F-5, que foi a vencedora do circuíto do ano 22 e xa arrinca con ganas de seguir loitando por esas primeiras posicións.

 

E por último, na categoría masculina, Miguel Costas logrou a terceira posición en M-3, cun tempo de 14 minutos e 18 segundos.

 

V Carreira Calvario 5+5

Así comezou o circuíto Run Run Vigo 2023, que está formado por un total de 12 probas. A seguinte será a V Carreira Calvario 5+5, que se celebrará o 26 de febreiro. Mentres, o grupo de running Máis que Auga segue traballando e preparándose para que a marea verde asolague coa súa alegría e ilusión as rúas.