TODOS CO CELTA ZORKA RECALVI NA NOVA FINAL DO SÁBADO!

05/04/2024

Nova final para o Celta Zorka Recalvi! O equipo vigués volve xogar este sábado (19:00 horas) no pavillón de Navia nun partido transcendental na súa loita por permanecer na máxima categoría do baloncesto feminino. O Celta de Cristina Cantero enfrontarase Hozono Global Jairis de Murcia, nun choque no que o apoio do público será fundamental para sumar dous puntos importantísimos neste tramo final do campionato, no que cada vitoria é ouro.

 

A falta de tres xornadas para o final da Liga, o Celta feminino ocupa actualmente a antepenúltima posición da táboa e descenden os dous últimos. Un dos descensos xa está pechado (Embutidos Pajariel Bembibre), pero o segundo está moi axustado e hai cinco equipos en só dous puntos, polo que calquera cousa pode pasar.

 

Colaboración

A semana pasada xa estivemos no Pavillón de Navia. En todos os asentos colocáronse uns folletos nos que se podía ver unha pelota de baloncesto co lema “Marca un triplo, sen te moveres do sitio” e cunha oferta especial para todos os asistentes ao partido. E é que hai uns meses, Máis que Auga e Celta feminino asinaron un convenio de colaboración, polo cal o primeiro equipo pode utilizar as nosas instalacións para a súa preparación cando o necesite. Ademais, MQA apoiará e animará á entidade a través das súas redes sociais.

 

Desde hai varios anos, Máis que Auga colabora tanto con deportistas a nivel individual como con clubs, co obxectivo de acompañalos no seu día a día, nunha acción dentro da súa política de responsabilidade social corporativa. A empresa deportiva viguesa entende que o Celta, un club feminino que ten o seu fundamento na canteira, representa á perfección os valores e a filosofía de Máis que Auga.