Todos co Amfiv na Challenge Cup!

28/04/2017

Durante este fin de semana Vigo acolle a Challenge Cup, o encontro máis importante a nivel europeo de baloncesto en cadeira de  rodas. O clube Amfiv é anfitrión e participante desta cita deportiva que representa, ademáis, unha oportunidade de ouro para facerse co título no ano no que celebran o seu 35 aniversario.

Durante tres días, do 28 o 30 de abril, estarán na nosa cidade oito dos mellores equipos do baloncesto en cadeira de rodas: o Amfiv como organizador e London Titans (Gran Bretaña), SC Devedo (Holanda), River Rhinos (Alemania), Pilatus Dragons (Suiza), TSK Rehab Merkezi Kulübü (Turquía), WB Studánka Pardubice (República Checa) e Handi Sud Basket Marseille (Francia)

O presidente do Amfiv, Chechu Beiro, fálanos das súas expectativas tanto a nivel organizativo como deportivo: “O noso obxectivo é que a organización sexa de 10 e que as 150 persoas que participan teñan un excelente fin de semana deportivo no que a única preocupación que teñan sexa a de xogar. Como clube, as expectativas están en chegar á semifinal, todo o que pase de aí, deportivamente sería un éxito. Chegar á final sería un premio máis que merecido para os xogadores e para o corpo técnico, con César Iglesias á cabeza. O merecen pola gran tempada que están realizando. Gañar sería un soño feito realidade”

Chechu Beiro está moi satisfeito da magnífica acollida que está tendo a Challenge Cup tanto por parte das institucións, empresas colaboradoras e medios de comunicación. Por certo, que a final emitirase en directo pola TVG ás 12.15h.

“Esta gran acolllida é a que nos da forza para traballar neste evento” asegura Chechu quen nas útimas semanas fai xornadas de 25 horas. Para Máis que Auga é unha satifsación colaborar e apoiar a este clube. Os seus xogadores son un exemplo á hora de poñerse retos e superalos. Todos co Amfiv!