TEMOS DE VOLTA Á NOSA AVOA MUCHA!

02/05/2021

En  Máis que Auga estamos moi contentos. A nosa avoa Carmen  Nores, Mucha para nós, regresou ao seu centro de  Coia, despois de máis dun ano de ausencia pola pandemia da  COVID 19. A nosa querida Mucha, que este mes de xullo cumprirá os 95 anos, volveu á que é a súa casa o pasado 19 de abril despois de 13 meses de ausencia. Iso si, coas súas dúas doses da vacina postas e con ganas de regresar ás súas clases de Aquagym e ás súas rutinas.

 

Así que mantivemos unha longa charla con Mucha para saber como se atopaba. A verdade é que está estupenda, aínda que ela recoñece que nesta volta ao ximnasio cánsase máis que antes, normal, así que vai ir sen présas, porque o seu obxectivo é pasalo ben e facer aquilo que lle gusta. A Mucha lle encanta a auga -“na auga son feliz”- e as clases de  aquagym e tamén goza moitísimo bailando, polo que antes era unha asidua de zumba, aínda que no seu regreso aínda non se atreveu. “Aos poucos”, asegura, aínda que non quere estar ociosa, polo que tamén se apuntou a unha clase de estiramentos que iso sempre vén ben para a súa artrose, e a  Afauga (actividade física na auga). Vén a  Máis que  Auga dúas veces á semana (luns e mércores) aínda que neste primeiro mes está a ir ao seu ritmo, para ir aos poucos recuperando as sensacións que tiña antes do parón.

 

Mucha é unha das nosas socias máis antigas. Quíxose facer socia de Máis que Auga cando abriu as súas portas, fai xa dez anos, pero “había lista de espera e tiven que esperar uns meses a que me chamásedes. E desde entón, ata hoxe”.

 

O certo é que antes nunca se apuntara a ningún ximnasio, nin fixera deporte durante a súa vida: “Eu o único que facía era camiñar e bailar, xa que son cousas que sempre me gustaron moito”. E así, en 2010, con 84 anos, entrou a formar parte da familia  Máis que  Auga. Ata que a pandemia paralizouno todo e tívose que quedar na casa. Mucha pasou este último ano coa súa filla, que se desprazou de Madrid para estar con ela, e ao seu lado saía a camiñar pola Avenida de  Coia, unha vez superouse o confinamento severo inicial. Agora, coas dúas doses da vacina postas, unhas análises realizadas para ver como se atopa –“e estou perfectamente, só teño un pouquiño de anemia e receitáronme ferro”- a súa filla animoulle a regresar ao ximnasio para recuperar os seus hábitos diarios. E nós estamos encantados de vela de novo por aquí!

 

Mucha sorprende pola súa vitalidade, a súa memoria e a súa fácil conversación e tanto che fala da súa familia, como de política ou as súas afeccións, e a nós encántanos escoitala, porque dos nosos maiores sempre aprendemos.