Temos un plan para os nosos heroes e heroínas!

03/05/2020

Como vos estamos contando durante estas semanas, en Máis que Auga temos moitos heroes e heroínas. Os nosos non teñen capa nin voan, pero si contan con superpoderes como nos amosan todos os días traballando contra o  COVID-19 e permitindo, co seu esforzo, que nós sigamos en casa.

E por iso, porque o merecen, desde  Máis que Auga queremos ofrecerlles o Plan Superheroes! Será un plan de asesoramento gratuíto para os colectivos que están a traballar en primeira liña neste momento de crise, para que poidan manterse en forma e recuperarse física e mentalmente da súa xornada laboral. Ofrecerémoslles un adestramento personalizado para realizar nos seus domicilios e adaptado ás súas necesidades e circunstancias particulares (polo seu tipo de traballo, necesidades físicas, medios de adestramento, etc.).

A que colectivos vai dirixido? Persoal sanitario (médicos, enfermeiras, auxiliares, celadores, etc.) persoal de limpeza de hospitais e residencias, policías, bombeiros, persoal de supermercados e demais servizos de primeira necesidade. Este programa está aberto a todas as persoas que pertenza a estes colectivos, sexan socios ou non de Máis que Auga.

Como vos podedes inscribir? Debedes contactar connosco a través desta ligazón.

Posteriormente poñerémonos en contacto convosco e realizaremos un seguimento quincenal do programa, para analizar o funcionamento do mesmo e decidir se é necesario realizar cambios.

 

Comeza o Plan Superheroes, xuntos forza e corazón!