“TÉCNIC@ S EN PRÁCTICAS”, ELES SON O FUTURO

30/05/2021

Seguro que os vistes polos nosos centros. Van cunhas camisetas nas que se pode ler “Técnic@ en prácticas”, cheos de ilusión e ganas de aprender. Son os nosos alumnos/ as de prácticas, que chegan de diferentes centros de ensino como parte da súa formación académica e é unha faceta que, desde sempre, consideramos moi importante en  Máis que  Auga.

 

No que vai de ano case 30 alumnos de diferentes centros e en distintas modalidades pasaron por Máis que  Auga para completar a súa formación sobre o terreo. E é que non son só técnicos de sala ou piscina. tamén nos chegan alumnos doutras especialidades como administración, nutrición ou mantemento, que piden realizar as súas prácticas en  Máis que Auga. Desta forma, nestes momentos temos a alumnos procedentes do IES A Guía, IES Miguel Ángel González Estévez (Vilagarcía), IES Sánchez Cantón (Pontevedra), IES Chapela, Colexio LAR; CPR Daniel Castelao ou IES Castelao. Ademais, nos meses de febreiro e marzo foron os alumnos da Facultade de Ciencias dá Educación e  do Deporte de Pontevedra os que pasaron por MQA.

Hoxe pretendemos que os coñezades mellor e que saibades o que están a facer. Estas prácticas completan a súa formación, polo que chegan no último trimestre do seu ciclo (IES) ou do seu grao (Universidade), dependendo do que estean a estudar. Sempre están dirixidos e acompañados polos nosos técnicos, que lles indican como realizar o traballo e como dirixirse aos clientes. E eles agradéceno enormemente. “O máis complicado é empezar. Estás fóra da túa zona de confort. Non coñeces nin o centro, nin aos compañeiros, nin aos clientes, pero a verdade é que todos nolo puxeron moi fácil”, contounos María Correa, de 20 anos, que está a estudar o ciclo de Técnico Superior en Acondicionamento Físico en Vilagarcía.

 

María chegou a  Máis que  Auga xunto con Martín Santos, que tamén está a estudar en Vilagarcía e ambos recoñecen que elixiron eles  MQA. Por que? “Porque é un centro recoñecido en Vigo, que ten boas referencias, magníficas instalacións e ademais un pouco de todo: sala, piscina… Os propios profesores recomendáronnolo”, explicou Martín. As súas prácticas comezaron no mes de abril e finalizarán a comezos de xuño, polo que agora xa están moi adaptados e aseguran que lles encantaría seguir traballando aquí: “O ambiente de traballo é  boísimo e ademais, a xente que vén ao ximnasio é moi agradable e agradecida. Claro que nos encantaría”, afirman ambos á vez.

 

E non é algo imposible, nin moito menos. E senón que lle pregunten ao noso Jesús Vicente, que entrou en  Máis que  Auga en prácticas fai algo así como cinco anos. “Acabei as prácticas en xuño e en setembro chamáronme para cubrir unhas vacacións en sala. Púxenme a preparar as clases como un tolo e… ata o de agora”, contounos. A  Jesús encántalle o seu traballo, sobre todo pola socialización: “Cando me vin a facer as prácticas aquí deime conta de que isto era o que me gustaba. Eu antes traballara en cociña e nada que ver. Aquí descubrín que me encanta traballar coa xente e axudarlle a que se atopen mellor, a coidar a súa saúde”.