SERRAT COMEZA A TEMPADA COA UNDÉCIMA POSICIÓN EN YOKOHAMA

18/05/2022

Comezou a tempada, que non o Mundial, para o noso deportista Máis que Auga Antonio  Serrat. O vigués disputou esta pasada fin de semana a terceira proba do Mundial en  Yokohama e ademais coa peculiaridade de que  Serrat chegaba á mesma como líder do Mundial, tras ser quinto clasificado nas dúas primeiras probas ( Hamburgo e Abu  Dhabi),  disputadas o pasado ano. Pero non puido saír de  Yokohama como líder, tras ocupar a undécima posición nunha proba moi loitada e disputada, na que se impuxo o medallista olímpico Alex  Yee.

Serrat estivo sempre na loita polas primeiras posicións. En natación saíu nun primeiro grupo, bastante amplo, polo que iniciaron a bicicleta uns trinta triatletas case de forma conxunta. Neste segundo segmento houbo moitos ataques tentando romper a carreira, pero neste circuíto é complicado irse e ao final, despois de moitas  escaramuzas, chegaron xuntos á segunda transición. Así que todo ía decidirse na carreira a pé.  Serrat estivo a loitar pola quinta e sexta praza ata o quilómetro 5, pero tivo un pequeno  baixón e foi absorbido por un grupo amplo de deportistas, no que se esperou ata o último quilómetro para atacar. Aí,  Serrat respondeu ben e logrou unha magnífica 11ª posición.

 

Antonio asegurou estar satisfeito do resultado, “aínda que un sempre quere máis. En liñas xerais notei un pouco a falta de ritmo de competición, porque, aínda que me atopei ben en carreira, faltábame un pouco de chispa”. Antonio sabía que ter o primeiro posto da clasificación era algo provisional e, non lle deu excesiva importancia ao feito de perdelo. O que quere é seguir mellorando proba a proba: “É o punto de partida deste ano e hai que seguir progresando, que de aquí a finais de xuño vai haber moitas competicións”. A próxima será o día 28 de maio, a Copa do Mundo de  Arzachena en Cerdeña.