Seguimos desmontando mitos alimentarios

15/02/2020

O venres 14 de febreiro celebramos a segunda parte da charla “Desmontando mitos alimentarios”, para continuar poñendo un pouco de claridade nun mundo no que hai moitos mitos e medias verdades. A charla foi ofrecida pola responsable do gabinete de nutrición de Máis que Auga Conchi Adrover e, outra vez, temos que agradecer a resposta das e dos nosos usuarios a esta convocatoria, xa que volveron a amosar un gran interese pola alimentación e, en definitiva, a súa saúde.

 

Nesta charla Conchi desmontou tres mitos máis, frases que seguro que todos escoitamos máis dunha vez e que non son verdade. Imos con eles!

 

     TOMAR UN POUCO DE ALCOL É BO PARA O CORAZÓN

Pois non. É unha afirmación repetida ata a saciedade sen estudios serios que o confirmen. É certo que ai unha xustificación científica, xa que o viño posúe algunhas sustancias bioactivas que poden ser positivas para a saúde, como o resveratrol, un antioxidante. Pero o certo é que estas sustancias están presentes no viño en miligramos, fronte a que o 12% do viño é etanol. En resumo, o alcol é  teratoxénico (pode provocar un defecto conxénito durante a xestación do feto),  neurotóxico,  adictivo,  inmunodepresor, prexudicial para o sistema cardiovascular,  produce cancro e aumenta o risco de morte.

 

Opcións de bebidas saudables: Auga con e sen gas, infusións frías ou quentes; auga con anacos de froitas, café.

 

     OS ALIMENTOS FUNCIONAIS MELLORAN A NOSA SAÚDE

Que son? Se denominan alimentos funcionais aqueles que teñen un efecto potencialmente positivo na saúde máis aló da nutrición básica. Hai que diferencias entre os naturais (como allo, brocoli, noces e aceite de oliva) e os procesados (como margarina con fitoesteroles, zumes enriquecidos, iogures probióticos ou cereais fortificados). Os modificados xurdiron en Xapón, e o que fan é modificar alimentos convencionais para facelos máis saudables, mediante a adición ou supresión dalgúns dos seus compostos.

 

A industria utiliza declaración de saúde para vender, nomes comerciais que te incitan a pensar que estás coidando a túa saúde… pero o certo é que “cunha dieta saudable e completa non é necesario tomar ningún alimento funcional”.

 

     CUIDADO CO COLESTEROL

O colesterol é unha sustancia de natureza graxa e animal fundamental para o noso organismo, polo tanto  non é prexudicial para a saúde. O negativo é que teñamos un exceso ou defecto, xa que sería unha patoloxía.

 

Por iso a veces esas afirmacións rotundas non son verdade ao cento por cento:

 

  • Cando se di que hai que tomar menos colesterol. O certo é que iso depende de moitas cousas: da xenética, da nosa dieta e da calidade da graxa e do azucre que tomamos…
  • Cando se di que temos que apostar por unha dieta baseada en vexetais, froita, verdura, hortalizas, froitos secos e legumes, xa que axuda a reducir o risco cardiovascular, diabetes, hipertensión.. Iso é certo, pero tamén hai alimentos de orixe animal que axudan a reducir o risco cardiovascular, como o pescado azul.
  • Cando se di que a graxa é mala. Non toda a graxa é mala. Hai graxas sen procesar ou pouco procesadas, como as do aguacate, coco, aceite de oliva ou os froitos secos que son positivas para a saúde. Cales son malas: As graxas trans (bolería industrial, comida para levar, snacks, pastelería, pizzas conxeladas, xeados…). Hai que recordar que para todo isto sempre temos alternativas, como comida e sobremesas caseiras, froitos secos naturais, manteiga…

 

A nosa nutricionista rematou a charla cunha reflexión sobre o porqué deste tipo de mitos irreais na alimentación. Detrás de todos eles hai hipóteses sen confirmar, intereses comerciais, malentendidos e tradicións. E todo isto é posible porque non existe unha política alimentaria que tome medidas para a promoción e prevención; controle que os profesionais neste sector estean debidamente formados, que poña límites á publicidade, que controle o etiquetado falso e que non permita que sexa a industria alimentaria á que marque as normas do xogo.