Se usas máscara para facer deporte, elixe a correcta e utilízaa con cabeza

16/08/2020

Sabedes que en Máis que Auga non é obrigatorio utilizar a máscara para a práctica deportiva, xa que mantemos as distancias de seguridade marcadas polas autoridades sanitarias, pero aínda así hai persoas que, por decisión propia, prefiren utilizalas ou ben, que realizan deporte no exterior, onde si son obrigatorias. Se este é o teu caso, sen dúbida, este artigo resultarache moi interesante, xa que che indica cales son as máscaras máis recomendables para facer deporte e como hai que utilizalas.

 

Neste artigo de  Vitónica, é unha experta, a doutora Raquel Blasco (doutora en Medicina  Internista, profesora de Ciencia da Saúde e experta en saúde deportiva), quen aconsella. O primeiro será elixir o tipo de máscara máis adecuado. O recomendable: Teriamos que buscar unha máscara deportiva que sexa flexible,  semi-ríxida, que non se nos meta na boca, se adapte ben á nosa cara e que sexan reutilizables e  lavables.

 

E lembra Raquel Blasco que, en ningún caso, utilicemos máscaras con válvula: “chámanas as máscaras  antisolidarias xa que non cumpren a tarefa de protexer aos demais. Co cal, non nos valen”.

 

Unha vez apostamos pola máscara correcta, agora temos que empezar a adestrar con ela e o certo é que o seu uso dificultará o adestramento. Por iso, sobre todo nas primeiras sesións, non podemos pretender facer o mesmo que sen máscara. Así que haberá que apostar por series máis curtas e por un adestramento de calidade, máis que de cantidade. E aos poucos iremos incrementando o nivel ata alcanzar o óptimo.  Ademais, a doutora insiste moito en que non descoidemos a  hidratación, xa que ás veces polo molesto que é estar a retirar a máscara, se bebe e descansa menos.

 

Sen dúbida, un artigo moi interesante para todos os deportistas que podes ler completo na seguinte ligazón.