SE PREFIRES FACER DEPORTE AO AIRE LIBRE, PROBA EN COIA AS NOSAS CLASES DE MARCHA NÓRDICA

15/10/2020

Son clases diferentes. Maior duración (hora e media), fóra do centro, ao aire libre, en grupos reducidos, gozando da contorna e realizando actividade física. Son as nosas clases de marcha nórdica!

 

Esta modalidade só se realiza no centro de Coia e hai clases os martes (10:00 horas) e os mércores (18:45 horas). Cada vez acódese a un sitio diferente: Bouzas, o Lagares, Castrelos, o Castro… Contornas espléndidas para facer marcha e gozar.

 

O noso técnico Dani Domínguez explícanos que “nestas clases trabállase de forma máis analítica a técnica do uso de bastóns de marcha nórdica, a posición de brazos e pernas…”.  Ademais, Dani lembra os beneficios de practicar marcha nórdica no canto de camiñar sen bastóns: “Optimizas o esforzo físico realizado no movemento biomecánico do noso corpo ao andar. Conséguese grazas á implicación do tren superior (brazos, ombreiros, costas), que se suma ao tren inferior, aumentando a eficacia e velocidade do desprazamento. Así, ademais de realizar máis quilómetros, fatigarémonos menos”.

 

A marcha nórdica é unha actividade apta para todo tipo de persoas, independentemente da idade, o xénero e a preparación física do practicante. Pero o mellor é que o probes! Reserva a túa clase no quiosco ou a través da web e proba unha actividade que engancha. Ademais, está incluída no teu abono mensual. E no caso de que non sexas socio/a, só tes que ir á recepción do noso centro de Coia para inscribirte neste curso, abonando o seu custo mensual.

E lembra que para esta actividade é obrigatorio o seguro anual de actividades ao aire libre, que ten unha vixencia dun ano e un prezo de 10 euros. Este seguro cubrirache en todas as actividades que realices no exterior (running, andaínas…)  e só terás que pagalo unha vez ao ano.

 

Precisamente para mostrar os beneficios desta actividade, este ano puxemos en marcha unha programación de saídas, que están a ter un gran éxito. Grazas a estas camiñadas fixemos deporte, coñecemos lugares incribles, realizamos unha actividade diferente en familia ou amigos… Experiencias enriquecedoras para nenos e maiores.