Sara, Paulo, Marina e Noa, novos membros da familia Máis que Auga!

22/05/2020

A familia Máis que Auga non deixa de crecer! Xusto antes de pechar os nosos centros pola crise sanitaria do COVID-19, tiñamos a unhas cantas usuarias de fitmon preto do momento do parto…. E claro, somos tíos! Unha vez máis, temos que presumir de heroínas, esas mamás que afrontaron a súa maternidade nunha situación moi excepcional e sen a súa familia preto. Elas son Mila, Marina, Paula e Anabel, que trouxeron ao mundo a Sara, Paulo, Marina e Noa.

 

Mila, Sara e a irmá maior Zoe.

Sara naceu o 14 de marzo, xusto o día que comezou o estado de alarma! Sara, que pesou 2.630 gramos, adiantouse dúas semanas, quizais co susto que vivía o país, e a súa mamá Mila tivo un parto feliz, en parte grazas á súa matrona, que estivo excepcional. Ademais, Mila xa tiña unha certa experiencia. Sara ten unha irmá maior, Zoe, que estes días ten moito traballo para coidar a mamá e á  pequerrecha.

 

Mila cóntanos que “o confinamento faise complicado para algunhas cosillas como as revisións do bebé e as miñas, coñecer á familia…”, aínda que ao principio “agradécese a tranquilidade para poder adaptarnos a ser catro”. Agora, que xa pasaron dous meses, están a desexar poder gozar co resto da familia de momentos xuntos: “Tanto tempo sen ver á familia é un  pouquiño duro, non poder gozar destes momentos cos  avós, tíos e sobre todo, as curmás, que tanto estaban a esperar á súa  curmá nova”. E menos mal que existen as vídeo-chamadas! Grazas a elas, toda a familia xa coñece á pequena Sara e están a ver como medra día a día: “Conectámonos todos os días e grazas a iso poden ver a súa evolución”, explica a mamá.

 

O 31 de marzo Marina puido coñecer a Paulo, o seu primeiro fillo, que naceu no medio da crise do  COVID-19. “Empecei con contraccións en casa de madrugada e esperei ata o mediodía para achegarme ao hospital, porque se adiantou case dúas semanas”, contounos Marina, quen explicou que o peor foi que ao chegar ao hospital, “implementouse un protocolo novo, e na área de urxencias non podías ter acompañante e iso foi o que peor levei. Neste momento, monotorízante e asústaste un pouco, porque ves que estás de parto e soa. Foi o que peor levei”.

 

Tras poñerlle a epidural xa puido entrar a súa parella e todo discorreu normal: “Foi un parto natural e bastante rápido”. Tanto Marina como a súa parella destacaron ao persoal sanitario: “É marabilloso, portáronse dunha forma incrible, cariñosos e á vez dándonos a nosa intimidade, o noso espazo. Pero é certo que polas medidas de seguridade era un pouco estraño, porque non lles vías as caras. Sabes que sorrín polos ollos, pero non lles ves a boca e é unha pena, pero a verdade é que só temos palabras de agradecemento para eles. Temos moita sorte de contar con ese persoal tan marabilloso”.

 

Os tres están a dar os seus primeiros pasos como familia, sen a axuda das avoas, os consellos dos familiares con máis experiencia… “Estamos completamente sós os tres, aprendendo a marchas forzadas, a base de ensaio-erro, porque non contas con ninguén que che poida servir de apoio. É a lei da supervivencia, pero tamén o estamos gozando moito, estamos a facelo o mellor que podemos, baixo o noso criterio e o neno está a responder moi ben”. Evidentemente, a pena é non poder presentarllo á familia e amigos, pero a tecnoloxía converteuse nun gran aliado: “facemos  vídeo-chamadas todos os días e claro, agora que xa ten máis dun mes, nótanse os cambios. Grazas ás  vídeo-chamadas non se perden estes primeiros momentos, que son tan bonitos”.

 

Paula e Marina.

Marina foi terceira das nosas sobriñas en nacer, o día 24 de abril. A súa mami Paula contounos que o parto foi de forma natural, aínda que rodeado das peculiaridades deste momento. “Rompín augas en casa e ingresei no hospital ás oito da tarde. Nun primeiro momento tiven que entrar soa no hospital, coas máscaras e todo isto, que dificulta o proceso; pero cando ingresei, chamaron ao pai de Marina e xa puidemos estar xuntos unha longa madrugada, ata que finalmente Marina naceu ás oito da mañá. Aínda que foi un pouco diferente, o certo é que tivemos moitísima axuda de todo o persoal sanitario, que nolo fixeron un pouco máis fácil”.

 

O confinamento xa marcou a fase final do embarazo de Paula, que é nai primeriza. “Para as embarazadas é moi importante camiñar e moverse e pola situación excepcional que estamos a vivir tívenme que pasar todo o último mes en casa”. E agora, “estamos os tres en casa. O que máis botamos de menos é poder estar coas nosas familias, poder presentar ao novo membro da familia e ter o seu agarimo e apoio”.

 

Como nos casos anteriores, a tecnoloxía está a ser un gran aliado para os avós: “Desgraciadamente os avós non puideron ver á nena. Lévano o mellor que poden, con moitísimas ganas de coñecela e facendo moitas vídeo-chamadas. A sorte é que a través da  vídeo-chamada poden vela e tamén estamos a gravar moitos vídeos e moitas fotos, para que poidan ir vendo a evolución día a día. Aínda que é unha situación diferente, tentamos que non se perdan os seus primeiros días, que dá moita tenrura, e claro que é duro para eles e para nós”.

 

Anabel e Noa.

E a cuarta das nosas mamás é Anabel, que deu a luz a Noa o día 29 de abril. Así nolo conta a nosa usuaria: “Despois de pasar por unha  cesárea no meu primeiro embarazo, esta experiencia de parto foi moi bonita. Estiven todo o activa que a situación actual permitiume ata o último momento. Pola miña situación particular programouse un parto inducido que se desenvolveu moi rápido e acabou en parto natural. Demos a luz no hospital Álvaro Cunqueiro e sentímonos moi coidados e seguros. A miña parella acompañoume desde o ingreso e na sala de partos, e a pesar da máscara, esquecémonos de todo o relacionado co COVID-19. En 48 horas estabamos na casa presentando a Noa ao seu irmán Nico”.

 

Pero desgraciadamente as cousas torcéronse pouco despois. Aos poucos días tivo que reingresar por unha infección post-parto e entón Anabel si que viviu en primeira persoa o pequeno caos no que nos atopamos inmersos, e neste caso cun bebé recentemente nado. “A experiencia foi diferente: ingresar por urxencias, cun cadro febril en época de  COVID… Podédesvos imaxinar!  Non vou dar moitos detalles pero, falando sempre desde a miña experiencia, sobran protocolos e falta moita organización”. Anabel e a súa parella viviron un verdadeiro caos: “O meu paso por urxencias pódese resumir en caos e desorganización,  que fixo que tivese que saír ao aparcadoiro para aleitar ao meu bebé de 5 días. Noa e o seu pai tiveron que  esperar no coche durante 7 horas ata que unha matrona (grazas Majo), con moito sentido común, fixo que nos asignasen unha habitación para que eles puidesen subir”.

 

Anabel entende que vivimos unha situación absolutamente excepcional, polo que aposta por quedarse co positivo: “Sen dúbida, vivimos momentos que nunca esqueceremos, pero quero quedarme co bo! Quedo con eses profesionais marabillosos que nos coidaron, coa miña familia que me apoiou na distancia, coas ganas de saír e coa alegría e a ilusión dun novo nacemento”. E agora, xa recuperada,  atopase na casa e Nico exercendo de irmán maior.