SANIDADE CONVIDA Á POBOACIÓN A REALIZAR MÁIS EXERCICIO FÍSICO E MENOS SEDENTARISMO

07/04/2021

No Día Mundial da Saúde, hoxe 7 de abril, queremos insistir, unha vez máis, na importancia que ten o deporte na nosa vida. Sabedes que é algo que repetimos ata a saciedade co convencemento de ter a razón e moito máis nos complicados momentos que estamos a vivir.

 

Agora estamos a ver como as administracións públicas comezan a tomar conciencia da importancia do deporte para ter unha vida saudable. No mes de febreiro, no contexto da pandemia sanitaria da COVID-19, aprobouse no Congreso que a actividade física e o deporte fosen declaradas actividades esenciais, reivindicación xa antiga do sector da actividade física e o deporte.

 

Agora, hai só uns días, o conselleiro de  Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García  Comesaña, defendeu a necesidade de promover estilos de vida saudables e fomentar a práctica de máis exercicio físico para evitar o sedentarismo.

 

O representante da Xunta indicou que a Administración está a elaborar unha estratexia de promoción de hábitos saudables para a poboación galega. O obxectivo é reducir o consumo de tabaco, as adiccións entre mozos/as, facilitar unha detección precoz de enfermidades e promover un envellecemento activo e saudable.

 

A Xunta pretende deseñar plans sectoriais incluídos no proxecto Riscar, unha iniciativa de colaboración entre as administracións competentes de Portugal, Galicia, Castela e León, Estremadura e Andalucía para mellorar a xestión do coñecemento sobre a saúde infantil.  Comesaña presentou tamén unha guía de recomendacións sobre nutrición infantil para mellorar a dieta alimentaria dos menores. Hai que lembrar que a obesidade infantil ha crecido de forma preocupante nos últimos anos. Segundo un estudo presentado polo Ministerio de Consumo no ano 2020, o 40% dos nenos/ as de idades entre 6 e 9 anos ten exceso de peso (o 23,3% está en niveis de sobrepeso e o 17,3% sofre obesidade). Motivos: Aumento do sedentarismo e das dietas altas en graxas.