ROSA ÁLVAREZ, GAÑADORA DO CIRCUÍTO RUN RUN: “O PREMIO É DE TODO O EQUIPO”

28/01/2023

Este martes celebrouse a gala Run Run Vigo 2022, evento no que se despide o circuíto do pasado ano e dáse a benvida ao que está a piques de comezar. Foi un acto moi emotivo, xa que non se puido celebrar nos dous últimos anos, por culpa da pandemia da COVID, así que é un pasiño máis na volta á normalidade.

 

Nesta gala o grupo de running Máis que Auga tivo unha gañadora. Foi Rosa Álvarez que se impuxo na súa categoría (F-4) e que subiu ao escenario a recibir o seu galardón lucindo nas mans a camiseta do equipo e fíxoo porque “este premio non é so meu, é de todo o grupo”, di con absoluta seguridade Rosa, que nos explica o motivo. “Este año foi complicado para min  e, se seguín adiante, foi grazas ao equipo que non me deixou abandonar. Tiven o COVID e con secuelas e,  ás veces, se me facía moi complicado seguir adestrando. Pero co seu apoio, aquí estou”. Rosa recorda emocionada o que pasou nunha carreira. “Eu ía moi mal, estaba a punto de abandonar e Ana Rodríguez, que se deu conta, deu a volta e veu buscarme para acompañarme ata o final da proba, animándome. Quen fai iso?  Por iso digo que o premio é do equipo”.

 

E falando de premios, hai que felicitar aos integrantes do equipo Máis que Auga Ana Rodríguez, Vanesa Lemos, Mónica Vázquez, Victoriano Sanmartín, Regina Mera, Yoli Gil e Luz Pérez, que tamén tiveron o seu recoñecemento na gala, por finalizar todas as carreiras do circuíto 2022.

 

Fixemos con Rosa unha viaxe retrospectiva para recordar como chegou ao grupo de running Máis que Auga. “Estou a punto de cumprir cinco anos no grupo. Apunteime no mes no que cumpría 60 anos. Eu nunca fun correr, pero si que me gustaba moito camiñar. O responsable foi o meu fillo, que me animou porque el é deportista e tiña a ilusión de que fixera algunha carreira con el”. E cumpriu o desexo do seu fillo? “Si! Xa fixemos medias maratóns e agora vai vir dende Cantabria para correr xuntos a Vig-Bay”.

 

Rematamos falando do grupo de running Máis que Auga. A nosa atleta destaca que é moito máis que un equipo: “Parecemos os mosqueteiros, todos a unha! Nos momentos bos, pero tamén nos malos. Sempre nos apoiamos”. Porque case non hai semana sen celebración por cumpreanos, santos ou porque si, pero tamén están cando hai enfermidades: “Temos a varias chicas que pasaron un cancro e aí están no grupo, correndo. Ademais non hai que esquecer o importante que é facer deporte tanto no aspecto físico como psicolóxico, porque o deporte é saúde”.