Roi Rodríguez, un creador de esperanza ante o COVID-19

09/04/2020

Nestas situacións desesperadas como a que agora vivimos, descubrimos facetas ata agora descoñecidas nas persoas, que de repente se mobilizan para axudar en ámbitos completamente alleos, pero nos que concentran todos os sentidos para axudar. Así, nestas semanas estamos a descubrir iniciativas solidarias como Coronavirusmakers, da que forma parte o noso deportista Roi Rodríguez.

 

Roi, confinado na casa coa súa familia e o seu compañeiro Albert Martí, pasa o tempo entre os adestramentos e a impresora 3D, que tiña en casa por hobby, “xa que me gustaba facer proxectos caseiros”. E de repente xurdiu a oportunidade de ser útil. Así nolo explica: “Dende o estado de alarma estou participando na iniciativa Coronavirusmakers. Está formada por un grupo moi grande de persoas (máis de 16.500 en toda España e 1.800 en Galicia), que teñen impresoras 3D, e vimos unha oportunidade de aportar o noso grao de area dende casa”. Este grupo, que se auto define como “creadores de esperanza”, en só tres semanas foron quen de agruparse e poñer en marcha todo o proceso de creación e distribución de forma totalmente altruísta.

 

Así, nestes intres, están a fabricar viseiras de protección para o persoal sanitario, “como unha capa máis de defensa fronte ao virus, xa que agora mesmo fai falta material”. Abastecen a hospitais, centros de saúde, residencias de maiores, farmacias… A aquelas persoas que as solicitan e as necesitan.

 

O noso padexeiro quere deixar moi claro que só forma parte dun grupo enorme de xente: “Eu tan só son unha persoa máis que achego viseiras, grazas á miña impresora 3D, pero no grupo hai administradores que teñen unha carga moi grande de traballo. En menos dunha semana conseguiron crear unha páxina web para rexistrar pedidos, crear unha rede de distribución loxística en colaboración con farmacias, Cofano, Bidafarma e o 061, para entregar as viseiras alí e evitar expoñernos o máximo posible”.

 

É un proceso lento -cada unidade tarda en facerse preto de dúas horas- pero ao ser un número tan importante de colaboradores están conseguindo unha importante produción. Ademais, Roi está feliz porque acaba de conseguir unha segunda impresora, así que vai duplicar a produción. Ata agora facía unhas sete diarias e espera pasar a 15. Agora a preocupación é conseguir material para continuar, tal e como nos indica Roi Rodríguez: “Agora mesmo estou, e estamos desde o grupo, en busca de plástico para imprimir. Xa conseguín a través dos concellos de Tui e de Tomiño algunha bobina de fío para seguir imprimindo e non ter as máquinas paradas en ningún momento.