Roi Rodríguez renova a súa loita polos Xogos Olímpicos

17/11/2019

Os Xogos de Tokio volven ser unha posibilidade para o padeeiro Roi Rodríguez. Tal e como están as cousas nestes momentos, hai oito deportistas para só seis prazas e a elección corresponderá á Federación Española de Piragüismo e para toda esta decisión realizaranse selectivos ao longo da próxima tempada.

Este é o resumo curto dun proceso bastante complexo. A asignación de prazas para os Xogos non se limitan aos baremos establecidos de inicio (os cinco primeiros clasificados da súa proba lograban a clasificación directa). O feito de que exista unha limitación no número de prazas por país, provoca que haxa renuncias e iso é o que pasou. Así, por outras renuncias, o oitavo posto de Roi no Mundial concedíalle unha praza para Tokio 2020, tal e como lle comunicou a Federación Internacional de Piragüismo, pero como España tiña a máis clasificados que prazas, tivo que renunciar e o gran beneficiado desta carambola é o arxentino Agustín Vernice que, sendo noveno, ten a súa clasificación para os Xogos asegurada. Máis ben, a do seu país.

Así as cousas exponse unha tempada de moito traballo e moita tensión para Roi, aínda que a posibilidade de clasificarse para os Xogos é o soño anhelado polo deportista Máis que Auga desde hai anos. Nestes momentos aínda falta por saber como e cando se realizarán os selectivos, pero o que está seguro é que Roi xa só pensa en adestrar e prepararse coa máxima profesionalidade para deixalo todo nestas probas. A pretemporada comezou a finais de setembro e xa están a traballar intensamente pensando en que os clasificatorios se realizarán aproximadamente no mes de abril.

Roi asegura que afronta a tempada de forma similar á pasada, xa que “o obxectivo segue sendo o mesmo: clasificarse para os Xogos Olímpicos. A diferenza é que este ano a praza non hai que buscala internacionalmente, senón que a pelexaremos en España. Ademais, aínda no caso de que conseguise a praza para España, tería que volver validala outra vez este ano igualmente”.

A diferenza fundamental é que non pelexará na súa proba (K-1 1.000 metros), senón que terá que preparar unha embarcación de equipo. “É un cambio complexo, porque xa non só depende de ti, senón do traballo do equipo ou a parella coa que compitamos. Posiblemente téñao máis complicado que os padeeiros que xa competiron estes anos en equipo, pero tamén é verdade que todos os anos sempre hai algún cambio de tripulantes polo que terei oportunidades”, manifestou Roi, que xa ten o seu obxectivo enfocado.