ROI RODRÍGUEZ, OURO NA COPA DO MUNDO DE SZEGED EN K2-500 METROS

27/09/2020

Fin de semana moi intensa para o noso deportista Roi Rodríguez, que logrou xunto ao seu compañeiro Albert Martí, o ouro na proba de  K2-500 metros. Na proba de 1.000 metros, que se disputou hoxe, notouse o esforzo do día anterior, e Rodríguez- Martí só puideron ser sétimos.

 

Despois de máis dun ano sen competir a nivel internacional, chegou a Copa do Mundo de  Szeged (Hungría), que era a única proba internacional do presente ano. Así, converteuse nunha cita moi importante, pero chea de incógnitas por saber o nivel real de todos os participantes, despois de tanto tempo sen competir. Antes de saír en dirección a Hungría, o noso deportista  Máis que  Auga Roi Rodríguez dicíao: “O importante é competir, xa que aínda que estivemos adestrando todos estes meses, o que nos falta é competición”.

 

Así o venres tocou a cualificación para as probas de K2-500 e 1.000 metros, cun magnífico resultado en ambas. A parella Rodríguez- Martí foi segunda na súa quenda e alcanzou así o pase directo á final. E con moi boas sensacións, segundo contounos Roi.

 

O sábado celebrouse a final de 500 metros. O principal rival parecía de antemán a embarcación de Pelayo Roza e Pedro Vázquez, actuais subcampións da distancia (hai xusto un ano nesta mesma pista) e aos que xa superaron hai unhas semanas en Verducido.

Foi unha proba preciosa, con alternativas. Comezaron mandando os asturianos e así chegaron aos últimos 200 metros por diante. Pero Roi e Albert non se renderon e remontaron para poñerse por diante cando só faltaban 100 metros. Este tramo final foi  super igualado e o campión decidiuse en só centésimas de segundo. Ouro para Roi Rodríguez e Albert  Martí, que ven como o seu esforzo dos últimos meses ten recompensa en forma de resultados. “A nosa primeira medalla competindo xuntos internacionalmente… Estamos moi contentos”, sinalou Roi.

 

Para o domingo pola mañá estaba prevista a final de  K2-1.000 metros, moi importante para o noso deportista, xa que o seu obxectivo é loitar por unha praza nos Xogos Olímpicos nesta proba. Pero o cansazo dos dous días anteriores pesou e a embarcación de Roi acabou sétima. O tándem Paco Cubelos-Íñigo Pena (subcampións do mundo nesta distancia) logrou a medalla de bronce. Así explicou Roi como foi a final: “Creo que fixemos unha boa proba, pero quedamos un pouco atrás nos últimos metros. Tentamos repetir a estratexia da clasificación, pero fallounos o final e perdemos aí uns cantos postos. Aínda así estamos contentos de competir, cos mellores do mundo, e coller experiencia, que ao final é o que importa aquí”.

E a xornada concluíu coa proba de  K1-5.000 metros, que Roi afrontou máis como un xogo, xa que non é para nada a súa especialidade, pero era a única proba individual que podía afrontar dado o calendario. O galego finalizou noveno: “Era unha proba para divertirse e ver que pasaba, pero non é a miña especialidade nin moito menos. Aguantei unhas cantas voltas no grupo de cabeza, ata que os meus brazos dixeron basta e descolgueime. Engancheime a un segundo grupo e ao final acabei noveno”. En resumo, “foi unha boa fin de semana, a verdade. Levamos unha boa experiencia en  K2 e motivación para seguir adestrando cara ao ano que vén”.