Roi Rodríguez, no Mundial de Piragüismo co soño de Tokio 2020

21/08/2019

O noso deportista Roi Rodríguez comeza mañá a loita por meterse na final de K1 1.000 metros do Campionato do Mundo de Piragüismo, que se está a disputar en Szeged (Hungría). Roi viaxou a Hungría cun obxectivo claro e ambicioso: “Clasificarme para os Xogos Olímpicos e para iso teño que quedar entre os cinco primeiros”. Fermoso e esixente obxectivo.

 

Mañá disputaranse as clasificatorias (09:23 horas, Teledeporte), nas que Roi buscará meterse na semifinal do día 23 e a final terá lugar o 24. Pero haberá que ir paso a paso. O primeiro, terá lugar mañá e o vigués debe quedar entre os catro primeiros da súa eliminatoria (tamén se clasifican os tres mellores quintos das seis eliminatorias. Se avanza no Mundial, nas semifinais terá que quedar entre os tres primeiros (son tres eliminatorias) para lograr unha praza de finalista e na final, a por todas!

 

Despois de varias semanas de duro traballo, o deportista Máis que Auga enfronta o reto con confianza porque “creo que me encontro bastante ben e cómodo. Sei que vai ser un Mundial duro, pero tamén sei que estou ben preparado”.

 

Así, o primeiro será pasar as fases das eliminatorias e a semifinal, para meterse na final do día 24 de agosto: “O obxectivo principal é acadar unha praza para os Xogos de Tokio e para iso teño que estar entre os cinco primeiros”. E neste Mundial competirán os mellores, todos con ese mesmo desexo. Roi pensa que hai tres claros favoritos  –“hai tres que seguro que estarán pelexando polas medallas:  o portugués Fernando Pimenta, o húngaro Bálint Kopasz e o checo Josef Dostál” – , pero tamén sabe que non hai que despistarse porque “todos son moi bos e non se pode subestimar a ninguén”.