Retomamos as nosas marchas: Este sábado facemos o roteiro Zamáns-Galiñeiro

16/06/2020

Regresamos e retomamos as nosas saídas de marcha nórdica, agora máis interesantes que nunca, xa que nos ofrecen a posibilidade de realizar actividade física en grupo ao aire libre, o que nos permite manter as distancias de seguridade con maior facilidade. E sempre acompañados polos nosos técnicos, para que os sintades seguros, acompañados e, como sempre, nun magnífico ambiente de  camaradería.

 

Desta forma comezamos xa este sábado 20 de xuño, co roteiro Zamáns- Galiñeiro, no que os nosos técnicos tiveron moito tempo para pensar durante o confinamento, así que nos ofrecen tres variedades distintas, adaptadas ás nosas posibilidades. Para aqueles que queiran realizar  trail teremos un roteiro de 12 quilómetros e 500 metros de desnivel (duración aproximada 2 horas). Os que opten polo sendeirismo realizarán basicamente o mesmo percorrido (11 quilómetros e 400 metros de desnivel, cunha duración dunhas 3 horas) e por último, para aquelas familias que se queiran enganchar ás nosas saídas, previmos un percorrido máis curto (5 quilómetros e 100 metros de desnivel) e accesible para todos, para realizar nunha hora. Será un fermoso percorrido que non vos deixará indiferentes: Camiñaremos a beiras do encoro, contemplaremos muíños recuperados e finalizaremos cunhas espectaculares vistas!

 

Para todos os participantes haberá un punto de encontro ( Praza de Zamáns, xunto á igrexa) e unha hora (9:30) e dende aí sairemos os tres grupos todos xuntos. Que debedes levar? Por suposto, calzado cómodo para a camiñada e ademais recomendámosvos que vaiades equipados con auga, algo de comida (froita, froitos secos….), crema protectora para evitar queimarse co sol e  viseira, ademais dos básicos deste ano (máscara  e xel  hidroalcohólico). Ao finalizar, a uns 200 metros, hai un  merendeiro con bar, polo que poderemos compartir unhas risas (á distancia correcta) ao finalizar esta nova marcha tras o parón obrigado pola crise sanitaria.

 

Esta actividade é gratuíta para os nosos socios/ as, que só teñen que aboar o seguro obrigatorio (10 euros) unha vez, xa que cobre todas as actividades que se realicen durante todo ano. Así que se xa o tes, só debes inscribirte nos nosos centros. Para os non abonados, ademais do seguro anual, o custo é de 4 euros. Todas as persoas interesadas poderán inscribirse en calquera das recepcións das nosas instalacións.

 

Na ligazón, deixámosvos o punto de encontro