RESERVADE O SÁBADO 13 DE MAIO PARA FACER A SEGUNDA ETAPA DA SENDA DA AUGA EN BTT

06/05/2023

Cita programada para este próximo sábado. O 13 de maio afrontaremos a segunda etapa do Roteiro da Traída da Auga de Vigo en BTT, con saída desde Chan das Pipas en Redondela, e que terá un percorrido aproximado de 27 quilómetros.

 

Pero seguro que estades a desexar que vos contemos o noso plan, así que… Imos alá! Partiremos ás dez da mañá desde Chan das Pipas en Redondela e realizaremos uns 13,4 quilómetros ata o Concello de Pazos de Borbén. Este será o noso punto de descanso ata que toque emprender o camiño de volta, polo mesmo percorrido ata o lugar de orixe. E como é o percorrido? Pois conta con 7,5 quilómetros practicamente planos, unha ascensión ata Amoedo de 2,5 quilómetros e un descenso de aproximadamente 3,3. A duración estimada é dunhas tres horas a un cómodo ritmo que pode seguir todo o mundo.

 

Lembrade que, na nosa programación #OutExperience para a primavera, incluímos tres saídas BTT para realizar o Roteiro da Traída da Auga. A primeira etapa fixémola o pasado 30 de abril e a última será o 24 de xuño.

 

A continuación, deixámosvos as ligazóns co punto de saída e co percorrido en strava.

Os nosos imprescindibles: Bicicleta de montaña e casco propios e un móbil coa aplicación Strava para seguir o percorrido. Ademais, como sempre, recomendarvos que levedes roupa adecuada para realizar esta actividade (estaremos pendentes das previsións meteorolóxicas) e unha botella de auga e algunha barra enerxética, froita ou similar, para repoñer forzas. O resto, un grupo de xente excepcional, con ganas de pasalo ben, veñen de fábrica no pack da saída!

 

Todas as persoas interesadas poden reservar praza na recepción dos nosos centros ata completar o grupo. É unha actividade gratuíta para os nosos socios/as (aínda que deberán ter o seguro anual para realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e un ano de vixencia). Os non abonados/as, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4,25 euros pola saída.