REGRESAN AS ANDAINAS OUTEXPERIENCE! PRIMEIRA CITA, O 16 DE OUTUBRO!

06/10/2022

Despois de finalizar o Camiño de Fisterra, regresan nosas andainas Outexperience! E para este domingo 16 de outubro temos unha dobre proposta, na que combinaremos Carreira contra o Cancro cun percorrido polo Monte Vixiador e unha comida en grupo no intermedio. Que vos parece o plan? A nós, planazo!

 

Pero o mellor será que vos contemos en que consistirá a actividade. O domingo 16 de outubro celebrarase a Carreira contra o Cancro, incluída no Circuito de Carreiras Populares de Vigo, e unha cita ineludible para Máis que Auga, polo seu carácter benéfico e o fantástico ambiente que se vive.  A proba comezará ás 10:00 e serán 10 quilómetros cronometrados e con premios, para aqueles que queiran competir. Pero tamén haberá (10:45 horas) un roteiro de 5 quilómetros, non cronometrado, para facer paseando e gozando en familia e/o coas mascotas.

 

É moi importante que saibades que o prazo de inscrición finaliza o 9 de outubro e pódese realizar de forma en liña (https://vigocontraelcancer.com/) ou na planta de deportes do Corte Inglés.

 

E cal é a nosa segunda proposta para o día? Ao finalizar a proba, iremos ao Monte Vixiador para comer (cada persoa levará a súa propia comida, aínda que tamén hai bar para quen prefira esta opción). Será un intre de lecer, coa familia Máis que Auga, na que non faltará o bo humor e as risas.

 

A continuación, deixámosvos a ligazón para chegar ao Monte Vixiador onde comeremos a partir das 14:00 horas.

 

Monte Vixiador

 

E tras repoñer forzas, seguimos! Ás 16:00 horas comezará un percorrido de 11 quilómetros polo parque forestal, gozando da súa zona boscosa e dos seus marabillosos miradoiros. Unha fantástica forma de acabar o noso día, para regresar a casa felices despois dunha xornada de deporte, convivencia, solidariedade e natureza.

 

Aquí deixámosvos o percorrido en Strava da andaina polo Monte Vixiador:

 

Percorrido Strava

 

Só nos queda lembrarvos que todas as persoas interesadas poden reservar a súa praza na recepción dos nosos centros ata completar o grupo. É unha actividade gratuíta para os nosos socios/as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e unha vixencia dun ano). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4,25 euros pola saída.