REGRESA BALLET KIDS CON MÁIS HORARIOS E NOVOS RETOS

28/08/2022

Volven os tutús e os relevés a Máis que Auga. Nesta nova tempada que está a piques de arrincar, Máis que Auga decidiu a aumentar os horarios da clase de ballet kids, unha actividade que encanta aos máis pequenos e tamén aos seus pais.

 

Esta clase desenvólvese tanto en Barreiro como Navia, sempre dirixida pola profe Débora da Silva, quen prepara con especial agarimo estas clases para peques a partir de 4 anos. Aínda que a base é o ballet, evidentemente en Máis que Auga búscase “realizar unha actividade amena e entretida para os nenos e as nenas nos que si aprendemos pasos de ballet, facemos barra, coreografías e preparamos o baile de fin de curso, pero tamén xogamos”, cóntanos Débora. Así a nosa profe organiza xogos, lévalles debuxos coas posturas do ballet para colorear e que así aprendan tamén dunha forma gráfica, coñecen a música clásica…

 

E só hai que verlles os seus cariñas na clase para darse conta de que están a gozar e moito! Pero, sen dúbida, o que máis lle gusta ao alumnado é participar na festa de fin de curso. “Preparan unha actuación e veñen vestidos, peiteados e maquillados para a ocasión. Pero, ademais, os pais e nais tamén participan e iso aos peques failles unha ilusión tremenda”, cóntanos a nosa técnica.

 

E claro, non puidemos despedirnos de Débora sen preguntarlle sobre os beneficios desta actividade para peques: “Traballamos moito a postura corporal dos nenos, a flexibilidade, a memoria… e tamén aprendemos algo de música e ritmo… E sempre dunha forma divertida para eles”.

 

Despois do descanso no verán, Débora está a desexar volver ver aos seus bailaríns e ademais este ano preténdese ampliar a oferta a dous días á semana: En MQA Barreiro os martes e xoves ás 18:15 horas, mentres que en Navia de momento continuará os luns (18:45), coa posibilidade de aumentar horarios, dependendo do número de rexistrados/as.