RÉCORD DE PARTICIPACIÓN NO TROFEO DE PÁDEL CONCELLO DE VIGO CELTAMOTOR, QUE COMEZA O DÍA 1 DE XULLO

28/06/2022

Obxectivo alcanzado! A oitava edición do  Trofeo de Pádel Concello de Vigo Celtamotor pechou a súa inscrición con récord de participación. En total son 306 as parellas inscritas no torneo (612 participantes), superando en 40 o récord acadado na sétima edición (266 parellas). Ademais, tamén hai cifra récord en participación masculina e feminina, polo que o primeiro dos obxectivos marcados pola organización está máis que superado.

 

Esta marca significa que o Trofeo de Pádel Concello de Vigo  logra o récord de participantes no Sur de Galicia e so está superado por tres torneos na Coruña.

 

A quen podemos destacar da inscrición na competición federada? Na categoría masculina, sen dúbida, sobresae Héctor Guisande, que ten xa no seu poder cinco títulos no Trofeo Concello de Vigo. Ademais, inscribiuse Miguel Laredo, campión da última edición e actual número 11 galego) ou Pedro Sousa (número 8 no ranking galego). Na categoría feminina, contamos con Alejandra Renda (nº 5 galega), Patricia Vilas (nº 8 galega), que xoga con Tamara Aranda (vencedora de unha edición) e por suposto, Paula Rey, monitora de Máis que Auga.

 

A competición celebrarase do 1 ao 10 de xullo nos complexos de pádel de Máis que Auga de Navia e Barreiro, en todas as categorías, dende a iniciación ata a competición federada (masculina, feminina e mixta). Hai que recordar que o Trofeo de Pádel Concello de Vigo regresa despois de dous anos de ausencia pola pandemia da COVID-19 e a resposta das e dos xogadores foi excepcional. A entrada para ver os partidos é libre e gratuíta.