Raquel Doiro alcanza o éxito no Trail dos Dolomitas, da man de Adestramento Específico Personalizado

20/07/2019

Raquel  Doiro, Pitu, é unha das nosas clientas do servizo de Adestramento Específico  Personalizado e da man de Borja Ropero alcanzou os mellores resultados da súa vida. Hai pouco máis dun mes logrou a sétima posición no  Trail dos  Domomitas  -“a mellor experiencia da miña vida a nivel deportivo”- e agora soña con novos retos.

Raquel chegou a  Máis que  Auga fai máis de catro anos, “co obxectivo de desconectar da monotonía da vida e do traballo”.  E preguntando no centro, accedeu ao adestramento específico personalizado “para que alguén me axudase  a preparar as próximas carreiras de  trail que tiña en mente e que me ían a requirir un adestramento específico”.

A nosa deportista está encantada con este servizo: “A experiencia co adestramento é marabillosa, dado que sempre estás en contacto co adestrador para ir valorando os adestramentos, sensacións e problemáticas que poidan xurdir. Non tiña ningún coñecemento acerca de que alguén me instruíse á hora de competir e adestrar e realmente é necesario. Unha persoa que non é profesional non sabe o que ten que facer nin como ten que facelo e desta maneira fas o que che vai a achegar melloras a nivel físico para o obxectivo final”.

Trail dos Dolomitas

Ao falar do  Trail dos  Dolomitas a Raquel bríllanlle os ollos. “A experiencia nos  Dolomitas foi fantástica. Creo que podería describila como a mellor experiencia a nivel deportivo que tiven. O feito de atoparte antes unhas montañas cun desnivel acumulado de 8.000 metros en 57 quilómetros faiche sentir pequeno  visualmente pero mentalmente non. Unha carreira perfectamente organizada na cal te sentes ben e non falla nada é o mellor dos resultados. Chegar a unhas montañas descoñecidas e conseguir acabar en menos tempo do que previches é unha satisfacción e quedar de sétima xa é tocar o ceo”, explicou. Ademais, nesta aventura Raquel estivo ben acompañada: “Este deporte fundaméntase tamén no  compañeirismo e eu con Sergio tiven a mellor compañía. Por iso para min é tan importante facer deporte. Permíteme compartir aventuras e coñecer persoas marabillosas”.

E despois desta edición ten moi claro que volverá, aínda que “o obxectivo do 2020 é facer a de 73 quilómetros. Volverei, claro que volverei, non mo pensaría dúas veces”.

Non foi a súa primeira carreira. Tal e como manifestou Raquel “anteriormente fixen a maratón da  MIUT en  Madeira. Era a miña primeira carreira longa e iso foi o salto de positivismo e motivación para decidir facer distancias máis longas a posteriori”.

Nestes intres, Pitu non pode pensar nunha vida sen deporte: “O deporte na miña vida ten tanto significado como facer vida en familia, estar con amigos ou ir traballar. Basicamente é parte dela.  O deporte axúdache física e mentalmente a superarte. Cando adestro sinto unha sensación de liberdade indescritible. É a miña fonte de enerxía”.