RAPIDEZ E ORDE NO SIMULACRO DE EVACUACIÓN REALIZADO EN MÁIS QUE AUGA NAVIA

02/04/2024

A semana pasada realizouse en Máis que Auga Navia un simulacro de evacuación por incendio, unha acción que discorreu con absoluta orde e rapidez para desaloxar a instalación en minutos. Os simulacros son accións preventivas, que teñen como obxectivo prioritario protexer tanto a usuarios como o persoal de Máis que Auga para garantir unha resposta profesional e eficaz en casos reais.

 

En que consiste un simulacro? É unha acción preparada pola empresa de prevención e na que participa o Corpo de Bombeiros, para medir tempos e ver se é necesario realizar algunha modificación no dispositivo previsto. Desta forma, ás doce da mañá soou a alarma de incendios en toda a instalación e comezou a evacuación pausada e sen nervios de centos de usuarios/as, guiados polos nosos traballadores. En escasos minutos todos estaban fóra da instalación, mentres os bombeiros localizaban “o foco do incendio” e procedían ao seu “apagado”.

 

Sen dúbida, foi un exercicio necesario e satisfactorio, ao ver a resposta tanto de usuarios como do persoal de Máis que Auga. Como sabedes, cada certo tempo, nas nosas instalacións temos formación coa empresa de prevención e realízanse simulacros para automatizar a actuación en caso de producirse unha incidencia. E iso viuse reflectido en Coia hai uns meses, cando se realizou unha evacuación real do centro polo incendio que se produciu na sauna e todo transcorreu con moita tranquilidade e con todo rapidez, resposta que foi eloxiada polos responsables do servizo de Bombeiros de Vigo.

 

E é que a seguridade é unha das prioridades de Máis que Auga. Por iso, fai algo máis dun ano instaláronse en todos os centros desfibriladores externos semiautomáticos (DESA), que nos permiten ter unha resposta rápida en caso dunha parada cardiorrespiratoria, aínda que por suposto que nos encantaría non ter que utilizalos nunca. Ademais, o 80% dos nosos técnicos/as son SOS, polo que teñen capacitación para ofrecer os primeiros auxilios e actuar en casos de emerxencia, e en Máis que Auga consideramos fundamental a formación permanente polo que ofrecemos aos nosos persoal cursos de reciclaxe e aprendizaxe.