Ramón Quiroga Puga, o noso “Carolina Marín”

11/07/2019

O bádminton pasou de ser un deporte case descoñecido para a sociedade española en xeral a ter un gran tirón grazas á figura da campeonísima Carolina Marín, campioa do mundo e campioa olímpica.

 

En Máis que Auga Coia temos ao noso propio campión, que nos “obriga” a seguir as súas andanzas polos campionatos de España e a gozar cos seus éxitos. El é Ramón Quiroga Puga, que desde 2010 logrou 5 campionatos de España individuais e 3 de dobres, ademais de que leva tres títulos individuais consecutivos. O último campionato de España celebrouse no mes de maio en Mallorca e unha vez máis, Ramón volveu vencer: “Gañei si, pero foi difícil. O último set estivo moi apertado, gañei 22-20. Costa, ninguén cho regala. Ademais, a estas idades hai máis lesións, porque é un deporte moi explosivo. E compiten moitos estranxeiros que viven na zona do Levante e que levan xogando ao bádminton toda a vida e iso nótase moito, porque nos primeiros anos é cando se adquire a técnica”. Ramón, que ten uns magníficos 73 anos, compite nestes momentos na categoría de sénior de máis de 70 anos.

 

O noso campión comezou neste deporte bastante tarde: “ao segundo ano de estar os meus fillos adestrando, eu non estaba cómodo na bancada, así que decidín adestrar… E ata hoxe e diso hai 33 anos”. Asegura que “se colles a raqueta tres días seguidos, é un deporte que che engancha” e así segue colgado dunha raqueta tres décadas despois.

 

Ramón adestra tres días á semana nas instalacións de Máis que Auga Coia e é un dos nosos clientes “fundadores”: Veño desde o día da inauguración, o 1 de novembro de fai oito anos. Para min son unhas instalacións moi completas porque o teño todo: ximnasio, spa, piscina sauna… E ao estar xubilado, é ao que se dedica un: A relaxarse e pasalo ben”.

 

A tempada xa rematou e en setembro Ramón comezará a prepararse de novo co obxectivo de seguir divertíndose e, se é posible, gañando.