QUERES COÑECER CON MÁIS QUE AUGA O TRAIL RUNNING?

30/01/2023

Co ano 2023 chegan novas actividades #OutExperience, para sumar máis experiencias deportivas ao aire libre. Desta forma, súmase ao noso programa de actividades, o trail running!

 

A primeira proba celebrarase o 5 de febreiro no parque forestal de Saiáns e será unha iniciación a esta actividade deportiva que seguro que vos apaixonará como a nós! A cita será o domingo ás 10:00 horas no parque forestal de Saiáns e consistirá nunha actividade de nivel moi básico, dunha hora de duración aproximadamente. Falamos co técnico responsable do programa #OutExperience, Dani Domínguez e cóntanos que “este primeiro día  faremos  unha especie de sendeirismo rápido, no que aprenderemos técnicas eficientes e seguras de afrontar os carreiros de monte, tanto en subida como en baixada, así como a controlar a xestión do ritmo de carreira”. Esta actividade vai dirixida a todo tipo de perfís: Tanto para aquelas persoas que non queren ir ao monte soas, aquelas que teñen medo a perderse  ou que non coñecen zonas onde poder adestrar”. Así, farémolo en familia, coa familia MQA.

 

E é que non cabe dúbida de que correr no monte é moito máis divertido que facelo en asfalto, pero pode ter un pouco máis de risco, polo que “aprenderemos a xestionalo o mellor posible, contando co apoio dun técnico experto e gran coñecedor de camiños e carreiros en diferentes zonas da provincia”, asegurou Dani.

 

Como sempre, imos cos requisitos imprescindibles para sumarvos a esta nova actividade. O primeiro e fundamental é que reservedes a vosa praza na recepción de calquera dos nosos centros e lembrade que é unha actividade gratuíta para os nosos socios/as, aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e unha vixencia dun ano. Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4,25 euros pola saída.

 

Non fai falta que vos digamos que debedes vir con roupa e calzado adecuados para o monte, ademais de algo para comer e beber, aínda que será unha actividade curta. Como sempre, recomendámosvos que esteades atentos ás previsións meteorolóxicas, por se hai que levar algo de máis abrigo ou un chuvasqueiro.

 

A continuación tedes a ligazón co punto de saída, así como ao circuíto deseñado, que terá algo máis de 6 quilómetros de percorrido.

Esta será a primeira actividade de trail, pero teremos máis. A seguinte celebrarase o domingo 26 de febreiro en Chandebrito; mentres que en marzo (día 12) iremos ao Galiñeiro. Ademais, tamén asistiremos a eventos organizados por terceiros, tal e como facemos co running ou mesmo o grupo Travesías.